martes, 21 de xullo de 2015

Este verán, os dominios .gal dende 36 euros máis IVE

A asociación PuntoGal vén de anunciar o lanzamento dunha promoción, coincidindo co 25 de xullo e co primeiro aniversario das 93 webs pioneiras do dominio galego, grazas á que calquera persoa ou entidade poderá contratar un .gal por un prezo notablemente inferior ao habitual. Así, dende esta semana e ata o 20 de outubro, os dominios puntogal pasarán a ter un prezo anual entre 35,95 euros máis IVE e 40 euros máis IVE, dependendo da empresa rexistradora que se elixa. Aplicando o 21% de IVE, os prezos totais quedarían entre os 43,5 e os 48,4 euros.


Dende esta semana e ata o 20 de outubro, os dominios puntogal pasarán a ter un prezo anual entre 35,95 euros máis IVE e 40 euros máis IVE, dependendo da empresa rexistradora que se elixa
Para poder utilizar a promoción, as persoas interesadas deben dirixirse ás seguintes empresas rexistradoras: Dinahosting, Entorno Digital, Soluciones Corporativas IP, CDMon, Host Europe Iberia, Arsys, OVH.com, 101Domain e 1&1 Internet. As páxinas deben ter, canto menos, unha parte dos seus contidos na nosa lingua ou facer referencia á nosa comunidade.
Con esta promoción, a asociación PuntoGal quere non só celebrar o Día Nacional de Galicia, senón sinalar a efeméride do primeiro aniversario do lanzamento dos 93 dominios pioneiros -entre eles praza.gal-, que comezaron a activarse o 25 de xullo de 2014.
PuntoGal quere non só celebrar o Día Nacional de Galicia, senón sinalar a efeméride do primeiro aniversario do lanzamento dos 93 dominios pioneiros -entre eles praza.gal-, que comezaron a activarse o 25 de xullo de 2014
O dominio PuntoGal, xestionado pola asociación sen ánimo de lucro co mesmo nome, destaca que ten previsto o reinvestimento dos beneficios que consiga -unha vez consolidado o dominio- en programas de promoción da lingua e a rede en Galicia. Nestes momentos está a poñer en marcha un proceso de renovación da web, e segue con actividades para informar sobre a apertura do dominio, especialmente entre a Galicia da diáspora en comunicación con centros galegos no exterior. Tamén se está a traballar por abrir proxectos de colaboración con outros dominios europeos que teñen o mesmo carácter cultural que .GAL.

Ningún comentario:

Publicar un comentario