mércores, 15 de xullo de 2015

O campamento dos pequenos inventores

Robots intelixentes, sistemas de detección de inundacións e videoxogos, creacións da estancia de 40 rapaces en Tecnópole

Os 40 participantes do campamento de verán organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole experimentaron das maneiras máis divertidas durante dúas semanas para adquirir competencias e habilidades de innovación. Esta mañá mostraron os seus proxectos durante a última xornada dos Tecnópole Technological Workshops (T2W), nos que participaron rapaces e rapazas de entre 12 a 18 anos procedentes de Ourense, Vigo, Gondomar e Santiago.
No único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia deseñáronse e construíronse prototipos a partir de ideas que na maior parte dos casos seguirán a desenvolverse os vindeiros meses para participar en novembro na décima edición da feira Galiciencia.
Logo de mostrar os seus proxectos, os equipos enfrontáronse nunha competición de foguetes propulsados por auga e aire, deseñados e construídos por eles mesmos aplicando as leis de Newton e os principios básicos da aerodinámica.
O prototipo máis espectacular dos expostos hoxe foi o dun aerodeslizador, un vehículo a motor que se deslizou polos corredores da Tecnópole lanzando un chorro de aire que lle permite desplazarse “flotando” sobre o chan mentres soporta o peso dun piloto.
Os nenos proceden do propio Ourense e de Vigo, Gondomar e Santiago
Os videoxogos centraron unha boa parte dos proxectos desenvolvidos polos equipos. Grazas a linguaxes de programación intuitivas como o Scratch, lograron en tan só estas dúas últimas semanas crear xogos educativos. Nun deles, hai que guiar o gato ecoloxista para depositar o lixo de maneira selectiva no seu colector correspondente. Noutro, os comandos actívanse sobre plataformas dispostas no chan que permiten dirixir os personaxes do videoxogo pulsando cos pés grazas á aplicación dun controlador denominado Makey Makey.
O láser foi a outra tecnoloxía estrela deste ano. Un dos equipos desenvolveu un sistema para diferenciar o aceite de oliva virxe extra do que non o é, de maneira que ao atravesalo o láser emite unha ou outra cor. A través dun sofisticado deseño, outro dos equipos foi capaz de deseñar un sistema de captura e reprodución de música do móbil ao ordenador vía láser.
Dúas das participantes aproveitaron o campamento para perfeccionar un proxecto que están planeando patentar. Trátase dun sistema de detección de inundacións a través dun pluviómetro que se enche só en caso de chuvias torrenciais e que, mediante un sensor, lanza un sinal no momento no que a auga chega ao borde. Neste momento, traballan no sistema de envío do sinal de alerta ao móbil.
Cociñas solares, unha trituradora e compostadora de residuos domésticos e un trivial baseado en coñecementos sobre as constantes vitais foron algúns dos outros proxectos presentados. Ademais, os campistas demostraron a súa capacidade para montar e programar robots construídos con pezas e mecanismos Lego Mindstorms para realizar diferentes funcións de forma autónoma, como por exemplo superar obstáculos grazas á incorporación de sensores baseados en infrarroxos e ultrasons.
Todos os participantes traballaron durante estas dúas últimas semanas no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade en función das súas idades. Debido a que as prazas se agotaron moi pronto e que moitos rapaces e rapazas quedaron fóra, Tecnópole organiza en paralelo tres talleres de robótica dos que aínda quedan prazas para agosto e setembro.
Os obxectivos destas actividades consisten no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade. Ademais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público, etcétera.
Os monitores e profesores son expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e no resto das materias que se desenvolven, aplicando unha metodoloxía dinámica, participativa, flexible e adaptada a cada tipo de idade.
Dado que se trata de actividades integradas no tempo de vacacións dos participantes, trátase de fomentar a aprendizaxe a través do xogo, potenciando a creatividade e baseándose nas emocións e experiencias persoais. Así, durante o campamento os participantes practicaron tamén actividades deportivas en equipo ao aire libre, como a natación, o tenis ou o atletismo.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario