mércores, 29 de xullo de 2015

Nove de cada dez mozos galegos en paro non percibe prestación ningunha

Desde que o PP chegou ao Goberno de España en 2011, o paro medrou en máis de 33.000 persoas en Galicia. Non obstante, o número de persoas sen protección absorbeu todo o crecemento. E non só o absorbeu todo, senón que hai 7.075 persoas máis que estaban protexidas hai catro anos e que agora non o están. Así se tira dun novo estudo da Fundación 1º de Maio, elaborado por Enrique Negueruela, membro do Consello de Emprego, Economía Social e Relacións Laborais deste organismo. Nel, debulla as cifras para determinar a protección real da cidadanía sen traballo contrapoñéndoa á denominada taxa de cobertura -que basea a súa porcentaxe só nos parados rexistrados nas oficinas de emprego pero non na EPA nin en todas as persoas sen emprego- e que se situaría nuns vinte puntos máis.
O número de parados desprotexidos aumentou en Galicia case un 30% desde a chegada do PP á Moncloa
O número de persoas paradas desprotexidas aumentou en Galicia desde que Rajoy chegou ao poder en case un 30%, nove puntos máis que o incremento no conxunto do Estado, de ter en conta as últimas cifras da EPA do segundo trimestre do ano. Xa que logo, o número de perceptores de prestacións sitúase nas 33.475 persoas, máis de 7.000 menos dos que había cando o PP accedeu á Moncloa, pero con 33.000 desempregados máis. Así, a taxa de protección no país sitúase no 29,8%%, case tres puntos menos que no trimestre anterior, case oito menos que no mesmo trimestre de 2011 e tan só dous puntos superior á media estatal, un diferencial positivo que continúa a reducirse a cada estatística.
A taxa de protección en Galicia é menor ao 30%, case tres puntos menos que no trimestre anterior e oito menos que hai catro anos
En Galicia, menos de un de cada tres parados percibe prestacións. A taxa de protección do 29,8% é de 7,8 puntos menos que no mesmo trimestre de 2011, polo que de terse matido a mesma taxa, agora habería case 20.000 persoas protexidas máis. Hai, en definitiva, case 180.000 parados que non percibe prestación ningunha (177.071), unha situación que é moito peor para as mulleres, que teñen unha taxa de protección 10,5 puntos menor cós homes.
Pero peor caso é o dos mozos galegos menores de 30 anos: tan só un de cada dez percibe prestación, menos do 10% (9,8%). O que é o mesmo: nove de cada dez mozos e mozas desempregados non reciben achega ningunha. Hai, xa que logo, case 55.000 novos sen prestacións e menos de 6.000 con elas. As mulleres novas teñen unha taxa de protección 5 puntos superior aos homes.
Nove de cada dez mozos galegos parados non percibe prestación ningunha
Por outra banda, as persoas entre 30 e 44 anos teñen unha taxa de protección do 27,6%, polo que unha de cada cartro percibe unha prestación, mentres que case 80.000 persoas desta franxa de idade non percibe axuda ningunha. A taxa feminina, neste caso, é inferior á dos homes en seis puntos e, desde 2011, a taxa de protección caeu en 11 puntos.
É entre os maiores de 45 anos onde a taxa de protección é maior en Galicia. Algo menos de un de cada dous está protexido, aínda que a porcentaxe de mulleres con prestación é 27 puntos inferior á dos homes.
Taxa de protección de parados en Galicia
  2º trimestre 2014 2º trimestre 2015
Homes 38,9% 35%
Mulleres 27,1% 24,5%
Total 33,2% 29,8%
Ante estes datos, Enrique Negueruela considera no seu informe que son "claramente reveladores da situación do emprego" no Estado. "O grao de precariedade no que está o mercado de traballo é tal que nin tan sequera se xeran prestacións", aclara o economista, que lembra que o feito de ter "parcializado" os subsidios leva a que estes "adoiten non solicitarse despois dun contrato a tempo parcial, permaneendo á espera doutro tempo completo que moitas veces tarda en chegar".
"O grao de precariedade no que está o mercado de traballo é tal que nin tan sequera se xeran prestacións", advirte Negueruela
Negueruela advirte que en 2016, "de non modificarse a normativa elaborada por este Goberno en relación cos maiores de 55 anos, asistiremos a un forte aumento da desprotección dos parados de moi longa duración, os que levan máis de dous anos". O economista urxe por unha "modificación legal das prestacións no sentido contrario ao realizado polo PP". "É preciso facer valer o artigo 41 da Constitución e que as persoas paradas estean protexidas", remata.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario