A Plataforma Estatal pola Escola Pública esixe ao Ministerio de
Educación que sexa consecuente coa posición maioritaria dos Gobernos
Autonómicos e paralice a LOMCE ata que a derrogue o novo Goberno que
xurda das próximas eleccións xerais.
A Plataforma Estatal pola Escola Pública reiterou en numerosas
ocasións que a LOMCE é unha Lei nefasta que debe ser derrogada de forma
inmediata. O Goberno do Estado, apoiado unicamente na súa maioría
absoluta, impuxo a contrarreforma e intenta poñela en marcha de forma
acelerada para intentar concluír a súa implantación antes de que outro
Goberno poida derrogala, sinal inequívoco que actúa deliberadamente en
solitario e contra todos os demais.
Dende a súa aprobación, o Ministerio de Educación, co señor Wert e o
seu equipo á fronte, realizaron todos os pasos necesarios para concluír o
antes posible a implantación da LOMCE, apoiándose en que a maioría dos
Gobernos Autonómicos tiñan a mesma cor política que o Goberno do Estado e
que estes seguirían as instrucións que dera o Partido Popular, que é o
partido que sustenta todo este enxame de imposición lexislativa.
Non obstante, as pasadas eleccións autonómicas e municipais
modificaron a realidade política e a maioría dos Gobernos Autonómicos
cambiaron de mans e, con el, de orientación política. O resultado
demostra que a cidadanía rexeita maioritariamente as políticas que se
practicaron nos últimos anos, os recortes que sufrimos e a LOMCE.
Neste momento, só dúas das Comunidades Autónomas que aprobaron os
Decretos de currículo que deben implantarse no próximo curso escolar, é
seguro que o farán: Madrid e Castela e León. Mesmo esta última o fai
mantendo serias discrepancias coa LOMCE.
Ante este panorama, a Plataforma Estatal pola Escola Pública volve
demandar a derrogación da LOMCE e esixe ao Ministerio de Educación que
paralice unha Lei que nunca debeu ser aprobada, paralización que debe
estenderse ata que esta sexa derrogada polo novo Goberno de xurda das
urnas nas próximas eleccións xerais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario