Usan os profesores as
redes sociais? Úsanas para o ensino o para interactuar co alumnado?
Segundo
un estudo feito por investigadores da Universidade Internacional da
Rioxa, os profesores de comunicación non empregan Twitter, malia
o seu potencial, nin para unha cousa (para o reforzar o ensino) nin
para a outra (interactuar). Iso si, empregan a dita rede social para
divulgar os resultados dos seus traballos e amosar os datos das
investigacións alleas. Asemade, tiran partido de Twitter coa arela
de facer visíbeis datos de consulta. E aí remata a cousa.
A investigación da que
se se extraen estes datos, liderada polo experto en comunicación e
sociedade dixital Francisco Segado, apoiouse nunha enquisa a 211
membros dos departamentos de comunicación de diferentes facultades
de universidades de toda España. Entre outras cousas extraeuse dela
que “existe unha correlación directa entre os labores de
divulgación e a consecución de reputación”. O 56,5% dos
enquisados que comparten decote os seus resultados de investigación,
usan Twitter para obter visibilidade. Con todo, non adoitan pedir
axuda sobre os temas que están a tratar e son “moi remisos” a
citar as investigacións que atopan nesta rede (un 37,9%).
Para os autores do
traballo, está claro que Twitter úsase e moito, pero sobre todo a
través duns devezos de interese propio e cun cariz egoísta.
“Quérese que se saiba o que facemos, obter referencias, pero somos
máis remisos a axudar ou ofrecer asesoramento”, sinala Segado, que
engade que a investigación reflicte que “poucos docentes de
comunicación ven a rede social como unha ferramenta para compartir
coñecemento, axudar ou manter o contacto cos alumnos”. Así, o
69,1% aseguran que nunca ou case nunca resolven dúbidas nesta
plataforma e o 50% non comparte material pedagóxico cos membros.
O estudo, iso si, amosa
varias diferenzas entre os facultativos máis novos e os máis
veteranos. O 60% dos membros máis novos dos departamentos de
comunicación (20-30 anos) perciben a rede como unha fonte para
atopar recursos, mentres que o 42,2% de docentes veteranos (entre 41
e 50 anos) nunca usaron esta rede con este propósito. Boa parte dos
primeiros confesaron ter citado artigos que viron en Twitter.
Ningún comentario:
Publicar un comentario