O gaditano Fernando Barragán Medero é profesor de Didáctica e
Organización Escolar da Universidade da Lagoa (Tenerife) e ten ás súas
costas unha longa traxectoria bibliográfica sobre feminismo, desde a
violencia de xénero, a sexualidade ou a coeducación. Presentado, na súa
novena vez no curso de verán de Lalín, por Celso Taboada, da Oficina
Municipal de Igualdade, protagonizou unha das conferencias de onte na
que se definiu como "un idealista" que cre que todas as persoas nacen
coa capacidade e o desexo de axudar e investir tempo nos demais.
O
seu relatorio estivo articulada en base á coeducación e a necesidade de
levar a ela os sentimentos: "Se non se inclúen o amor, as paixóns, as
ilusións, non poderá haber xamais unha coeducación auténtica que non
recoñeza ese modelo masculino", expuxo. Desde o seu punto de vista, o
profesorado "contamos mentiras" ao non ensinar importantes figuras
femininas do mundo das ciencias ou a literatura como Juana Inés de
Asbaje e Ramírez de Santillana considerada como a Décima Musa mexicana.
Ou tamén, a falta de profundidade na vida e obra de mulleres máis
coñecidas como María Moliner. "A igualdade significa, desde o meu punto
de vista, a liberdade para seleccionar a aprendizaxe, a inclusión de
materias como a economía doméstica, ética do coidado, educación dos
sentimentos, educación da sexualidade e xénero, cidadanía e
emponderamiento ou talleres de cociña, corte e confección", apuntou. A
nivel educacional, propuxo a "segregación temporal" por sexos para
actividades nas que nenos e nenas teñen un mellor rendemento por
separado ou para tratar temas relacións co xénero. Segundo o estudioso,
están a ter uns "resultados excelentes" en Islandia ou Alemaña, onde
"teñen programas de xénero só para mozos".
Barragán preguntouse se
a "coeducación é unha nova falacia do patriarcado" e fixo alusión ao
"feminismo radical francés que exclúe aos homes" para terminar
afirmando: "Eu non me considero muller, nin home, eu considérome unha
persoa". De igual forma, mostrou o seu rexeitamento ao "feminismo
anglocéntrico" e apostou pola "inclusión de todas as experiencias" no
movemento.
No termo da conferencia destacou o papel das avoas,
como ao comezo da mesma: "A importancia das mulleres na vida dos homes
(...) Nosas avoa ensinábannos o que era axudar, a protexer, a cultivar
un xardín e creo que eses valores os temos que rescatar", afirmou. A
parte de Fernando Barragán, que repetirá cunha nova charla o venres,
participaron das exposicións no día de onte a profesora Marián Moreno,
Rubén Torres e a catedrática Lola Ferreiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario