mércores, 22 de xullo de 2015

As organizacións xuvenís presentan a marcha do 24X como unha "inxección de optimismo"

DÍA DA PATRIA GALEGA
AGIR, Briga, Comités, Galiza Nova, Isca!, Liga Estudantil Galega, Terra e Xeira convocan a manifestación xuvenil o 24 de xullo. Unha mostra, defenden Eva Cortinhas e Alberte Mera, de que "Galiza non está derrotada".

Máis un ano, e van polo terceiro, as organizacións xuvenís do soberanismo e independentismo galego convocan unha manifestación conxunta na véspera do Día da Patria. O seu obxectivo é dar unha resposta "contundente" á realidade que atinxe a mocidade deste país.
Baixo o lema 'Venceremos nós',  AGIR, Briga, Comités, Galiza Nova, Isca!, Liga Estudantil Galega, Terra e Xeira lanzan un chamamento á mobilización.
En conversa con Sermos Galiza, Alberte Mera (Galiza Nova) e Eva Cortinhas (Briga) afirman que nos últimos anos "a realidade xuvenil ten mudado a peor". "Non cualitativamente mais si cuantitativamente", sinala Cortinhas pois "as taxas de desemprego e emigración xuvenil e a precariedade" téñense elevado. Neste senso, acrecenta Mera, a manifestación visa ser "unha resposta nacional e xuvenil contra a miseria á que nos queren condenar" situando a "capacidade para decidir" como "chave".
"O marco español, o capitalismo e o patriarcado obríganos a reaxir tecendo redes de contrapoder"
"Non estamos derrubados"
O manifesto de convocatoria é, nese senso, claro mais muda a respeito doutros no plantexamento dunha "mensaxe en positivo". "Levamos anos sendo a voz negativa, a da resistencia, a da oposición" e "desta volta pensamos que, en base a análise feita de que a mocidade está ancorada no descrédito, debiamos lanzar unha mensaxe positiva, construtiva" de que "non estamos derrubados", apunta Eva Cortinhas.
Pola súa banda, Alberte Mera subliña que "somos mocidade que queremos trasformar, mudalo todo", "acreditamos nun futuro mellor". "O marco español, o capitalismo e o patriarcado", acrecenta Cortinhas, "obríganos a reaxir tecendo redes de contrapoder" e, este ano, visan que --para alén dunha resposta-- a manifestación xuvenil sexa tamén, "unha inxección de optimismo e de ilusión". "A Galiza non está derrotada e non se rende", afirman, subliñando o propio lema da manifestación: 'venceremos nós'.
"A Galiza non está derrotada e non se rende"
Após tres anos as organizacións convocantes foron quen de marcar no almanaque a véspera do Día da Patria como unha data de referencia para a reivindicación dos dereitos nacionais de Galiza. Embora procederen de tradicións políticas diferentes e mesmo dinámicas en ocasións contrapostas "acreditamos que a mocidade ten que traballar en conxunto cun obxectivo claro que e ser protagonista da liberación de Galiza", di Alberte Mera. Hai que "apostar", en "todo o que sexa sumar voces a un proxecto nacional sen dependencias de ningún tipo".
Hai que "apostar", defenden, en "todo o que sexa sumar voces a un proxecto nacional sen dependencias de ningún tipo"
"Independencia, anticapitalismo e feminismo"
Neste senso, Eva Corinhas asegura que a mobilización reflicte a "altura de miras" coa que foron quen de traballar as organizacións convocantes. "Actuamos con coherencia, chegamos a consensos procurando que todas estivesemos cómodas" e o resultado, di, é un manifesto "moi avanzado, con reivindicacións concretas" arredor da "independencia, o anticapitalismo e o feminismo". A "chave", afirma, foi "moito compromiso" e "unha análise bastante acertada" da realidade xuvenil que todas elas partillan.
Porén, no debate político, a mocidade --organizada ou non-- fica non poucas veces relegada a un segundo plano. "Coido que a xuventude participa moito mais o poder adulto non é un invento, está aí", di Cortinhas. "Esta manifestación pula polo protagonismo da mocidade" pois, acrecenta Mera, ten que estar na primeira liña da batalla e do traballo político diario sen paternalismos nen dirixismos". "Somos o futuro", conclúen.
"Intimidar" e "criminalizar" o protesto social
Así as cousas, a manifestación do 24 de xullo carrexa un importante dispositivo policial que a acompañou en anteriores convocatorias malia non se teren rexistrado incidentes en ningunha delas. "Non é necesario" como tampouco o é, afirma Mera, "que teñamos que nos manifestar observados e intimidados por unha policía armada até os dentes". Unha presenza policial que para Cortinhas "responde á necesidade do Estado español de criminalizar o protesto social", non só o xuvenil. E "paradigma" diso, di, "é a Lei Mordaza".
O obxectivo, concordan Alberte Mera e Eva Cortinhas, é "intimidar" quer a quen se manifesta quer a quen non o fai. "Lanzar unha mensaxe de que a mocidade é perigosa e por iso vai cercada". Mais, "algo estamos a facer ben se somos unha ameaza", conclúen.


Ningún comentario:

Publicar un comentario