Dende Stop Desafiuzamentos A Coruña queren facer visible o caso dunha compañeira súa que cren que amosa unha realidade na que moitas persoas están a vivir.
A súa compañeira atópase agora mesmo en situación de risco de
desafiuzamento xa que, por un exceso de celo burocrático, lle foi
retirada a RISGA. A Xunta de Galicia entendeu que esta persoa non
respondera a unha oferta de traballo. Porén, este requerimento nunca
chegou ó seu coñecemento xa que tivo que cambiar o seu domicilio debido a
unha serie de problemas alleos a ela, quen mudou a súa dirección en
todas as instancias agás na Oficina de Emprego, lugar ao que acode con
asiduidade para buscar ofertas laborais e de cursos de formación.
Neste momento, hai un recurso plantexado que precisa
dunha solución urxente xa que a súa compañeira non dispón doutros
ingresos e ten un fillo menor de idade ao seu cargo. Por esta razón,
queren requerir a Xunta de Galicia para que dea una resposta rápida a
esta situación. De todos xeitos, din, "estamos ante un problema
que afecta a moitos perceptores da RISGA aos que o Goberno Autonómico
pon nunha situación de extrema fraxilidade por un exceso burocrático e
aos que o mesmo ten que dar unha resposta máis rápida e mellor".
Este 'non' é o primeiro caso de complicacións relacionadas coa Risga que de Stop Desafiuzamentos Coruña presencian e que outros colectivos galegos veñen tamén denunciando. Deste modo, dende Stop Desafiuzamentos pensan
que a Xunta trata de reducir de ao máximo o numero de persoas que
perciben a RISGA sen nin sequera tentar dar unha solución ao problema
real. Simplemente buscan dificultar ó acceso a esta axuda, que é xa de
por sí, moi insuficiente para satisfacer as necesidades dunha persoa.
Estas ansias por ocultar un problema que non queren
solucionar fan que o Goberno Autonómico recorra a certas "estratexias"
para maquillar os resultados e as estatísticas. Por este motivo,
solicitar a RISGA é unha carreira de trámites e de documentos e tamén por iso se amorean os expedientes tanto que mesmo se pode tardar un ano en cobrar desde que se solicita.
Porén aínda mesmo cando unha persoa percibe a
RISGA continúa estando nunha situación fráxil porque a retirada da
mesma é moi doada: basta con non ter actualizada a dirección e non ter
recibido un aviso dunha oferta de emprego precaria.
Do colectivo queren tamén aproveitar a ocasión para
denunciar que as ofertas de traballo que se envían as persoas que
perciben a RISGA non son mais que unha solución estética xa que se trata
de empregos, normalmente de 7 meses de duración e ao 75% da xornada
laboral cun salario de arredor de 600 euros. Despois destes 7 meses, o
único sustento sería un subsidio de algo mais de 200 euros e cando este
se acabe, solicitar novamente a Risga. Este proceso serve para
maquillar as cifras pero non para solucionar un problema, o da pobreza,
que afecta a unha cuarta parte da poboación galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario