O Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García dixo que “de se confirmar” a humillación a unha nena por usar galego no centro hípico Casas Novas estaríamos perante un "feito inaceptábel”. A Xunta solicitou a versión da empresa mais considera que se trata de “conflitos moi puntuais”.
A Xunta, segundo o Secretario Xeral de Política Lingüística, solicitou por correo a versión da empresa xestora do centro hípico Casas Novas sobre a denuncia da humillación a unha nena de 10 anos por usar galego no seu campamento de verán. Valentín García asegurou en declaracións a Sermos Galiza que, de se confirmar o ocorrido, é “un feito inaceptábel”. Porén, o responsábel de política lingüística asegura que “cada vez sucede menos”, sendo que se trata de “conflitos moi puntuais” o que, acrecenta, “non lle resta importancia”.Para García este tipo de situacións, denunciada pola Mesa pola Normalización Lingüística, prodúcense en “ámbitos onde o galego estivo moi relegado” como é a hípica e que, aliás, non foron obxecto de campañas de normalización.
Agardamos a súa versión e, a partir de aí valoraremos que medidas adoptar”, apuntan. Mais para o presidente da Mesa “como mínimo” a Secretaría Xeral de Política Lingüística “debería adoptar algún tipo de sanción” contra o clube.
Así as cousas, para o responsábel de política lingüística o que evidencia o acontecido en Arteixo é “a necesidade imperiosa de actuarmos en certos ámbitos” pois “pódese facer moito mal á lingua desde un clube ou unha empresa”. Neste senso, defende o desenvolvemento de “programas de política transversal” que conleven un “traballo conxunto”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario