mércores, 29 de xullo de 2015

Apego, que o seu nome sexa propio

Reparei onte por un chío da Coordinadora de ENDL no magnífico texto das recomendacións do programa Apego para axudar en tan importante decisión como é a de escoller nome dun fillo ou filla. 

Co agarimo e rigor co que está concibido todo este programa socioeducativo, dirixido ás familias que deciden que o galego teña un lugar nas súas vidas, o texto propón que cada familia valore a posibilidade de poñerlle un nome en galego pola orixinalidade, atractivo e o seu carácter propio, o que contribuiría a súa diferencia dentro da sociedade global. Como nomes en galego hai moitos, «e bonitos e orixinais», o programa fai unha ampla proposta deles, dando conta da súa orixe e significado.
 
Recomendo compartir no eido educativo os excelentes contidos de Apego, «un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial», que nestes momentos desenvolven os servizos de normalización lingüística de trece concellos (Ames, A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo) e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. Ben sería que tras a constitución de novas corporacións en concellos e deputacións, se incorporasen novas entidades a este programa de esperanza para a lingua galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario