Feijóo comezou a súa intervención definindo a Axenda en si mesma: un impulso á modernización tecnolóxica para que esta sexa “o catalizador dunha fonda renovación nosa economía, da nosa sociedade e das nosas administracións públicas”. A folla de ruta apóiase tamén na necesidade urxente, dixo, de acadar unha situación na que ningún galego fique excluído do progreso tecnolóxico e do medre que se deriva del. Por partes e a un nivel máis específico, o presidente dixo que a iniciativa establece as actuacións para lograr unha eAdministración máis innovadora e consolidada, “favorecer servizos dixitais avanzados no eido do benestar e a sanidade”, e impulsar a dixitalización empresarial en sectores estratéxicos.
O xefe do Executivo galego quixo agradecer tamén a implicación da sociedade galega e dos axentes económicos e sociais no “proceso de reflexión conxunta” que deu pé á Axenda Dixital 2020.
Os piares da actual folla de ruta
Na presentación das estratexias para os vindeiros anos, o presidente lembrou que aquelas son a consecuencia directa das incluídas na Axenda Dixital 2014. “Grazas a ela”, sinalou, “conseguimos iniciar unha senda para o desenvolvemento da Administración Electrónica, loitamos por reducir a fenda dixital, desenvolvemos programas específicos para a modernización de sectores como a agricultura, a pesca ou o turismo e contribuímos a reverter a desigualdade que vivía a Comunidade no acceso aos servizos de telecomunicacións”. Ao fío disto último recordou que se pasou a unha taxa de cobertura do 98% e que antes da posta en marcha das medidas da Axenda 2014 a metade do territorio das provincias interiores non tiñan posibilidade de acceder á Internet e condicións mínimas de calidade.Tamén subliñou que a estratexia dixital da Xunta permitiu o nacemento do proxecto Abalar, que fixo que Galicia fose “pioneira na implantación do libro dixital” e na “integración plena das novas tecnoloxías na práctica educativa”.
Respecto da nova andaina do Plan de Banda Larga de Galicia, informou que despregará redes ultrarrápidas para que “o 100% da poboación galega teña cobertura de, como mínimo, 30 Mbps”; e que “o 50% dos fogares dispoñan de servizos de banda larga por riba por 100 Mbps”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario