Ao abeiro das
actuacións da Axenda Dixital de Galicia vense de elaborar un estudo
sobre as vocacións TIC na nosa terra. Entre outros datos
salientábeis, sinálase no informe que “só o 18% do alumnado da
ESO e de Bacharelato optarían por estudos científico-tecnolóxicos”.
E isto, engádese, “malia que o sector galego das novas tecnoloxías
da información achega emprego a 15.312 traballadores e mantense por
enriba dos 15.000 profesionais desde o ano 2010”. Ademais, “en
2015 as empresas galegas deste ámbito prevén incrementar o seu
número de empregados nun 30%”. As conclusións do estudo foron
dadas a coñecer este 24 de xullo polo conselleiro de Cultura e
Educación, Román Rodríguez, e pola directora da axencia AMTEGA,
Mar Pereira.
Na xuntanza cos medios
en Santiago tamén interviñeron o presidente do Colexio Profesional
de Enxeñaría Informática (CPEIG), Fernando Suárez; o presidente
do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática (CPETIG),
Marcos Mata; e o secretario Xeral del Colexio Oficial de Enxeñeiros
de Telecomunicación de Galicia, Ramón Mª Lois.
Na cita, entre outras
cousas lembrouse que “un dos desafíos da Axenda Dixital de Galicia
ADG2020 é o impulso das vocacións tecnolóxicas e dos novos perfís
dixitais para satisfacer as necesidades do mercado tecnolóxico a
medio e longo prazo”. Así pois, era preciso coñecer as causas da
baixa porcentaxe de matriculados en estudos tecnolóxicos na
Comunidade, de aí que se desenvolvese o informe Estudo dos
Factores Influentes na Elección de Estudos Científicos,
Tecnolóxicos e Matemáticos en Galicia, impulsado pola Axencia
para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Consellería
de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a consultora
Everis, unha das empresas asinantes do Pacto Tecnolóxico de Galicia.
Na súa realización participaron 5.120 estudantes de 3º e 4º da
ESO, e de Bacharelato de 40 centros educativos de Galicia
pertencentes ás catro provincias.
Da enquisa despréndese,
como dixemos, que o 18% de alumnado optaría por estudos científicos tecnolóxicos. Desta porcentaxe, un 4,4%
decántase por estudos de ciclos formativos da familia de Informática
e Comunicación, e un 41,3% por estudos do Bacharelato Científico
Tecnolóxico. Dos que optan por un Bacharelato Científico
Tecnolóxico, un terzo optaría por unha das seguintes carreiras:
Informática, Telecomunicacións, Matemáticas, Física ou Química
(este terzo supón un 13,6% do alumnado de 3º e 4º da ESO).
Ademais, o informe
achega que preto do 40% dos estudantes enquisados non se senten
capacitados para afrontar estudos de carácter
científico-tecnolóxico, “sendo a denominada autoeficacia ou a
percepción que teñen os alumnos das súas propias capacidades e a
percepción destes estudos, os elementos clave para futuras
actuacións”, apúntase na investigación, na que tamén se
especifica que ante o proceso de elección dos estudios, a vocación
é o principal motivo (92%) que determina o itinerario formativo dos
alumnos, seguida da utilidade dos estudios para o seu futuro (78%) e
a facilidade (45%).
Neste sentido,
engádese, a imaxe dos alumnos sobre as carreiras
científico-tecnolóxicas “é positiva”, sendo consideradas como
carreiras con moitas saídas profesionais, asociadas a traballos ben
remunerados e cun alto impacto na sociedade.
Tamén se explica que
os pais e as nais son as persoas que máis inflúen na elección das
carreiras para o 79% dos enquisados, seguidos de Internet (66%), os
amigos e irmáns (45% e 44%), a televisión (41%), os titores (39%) e
as visitas a empresas (19%).
Só
o 26,8% de mulleres que traballan no sector TIC
desempeñan funcións tecnolóxicas, fronte ao 64,3% de homes.
A análise realizada puxo de manifesto que esta fenda de xénero
mantense entre a poboación máis nova, posto que só o 6% das
alumnas do Bacharelato Científico-Tecnolóxico elixirán as
carreiras de Informática ou Telecomunicacións, fronte ao 34% dos
mozos, situación na que os expertos coinciden que hai que seguir
incidindo.
Recomendacións
En base a estes
resultados, informou AMTEGA, un grupo de expertos formado por
profesionais TIC de diferentes sectores produtivos, docentes,
directores de centros, reitores, representantes de colexios
profesionais, elaborará unha serie de recomendacións en torno a
tres eixos: “A posta en valor das oportunidades de emprego no
sector, o reforzo da autopercepción das capacidades dos alumnos e a
realización de accións que dean a coñecer a experiencia persoal de
mulleres profesionais do sector TIC”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario