Kathleen March, catedrática de linguas modernas da Universidade de Maine
en Estados Unidos e tradutora de autores de Galicia ao inglés, confiou
en non chegar a ver "a morte do galego", unha lingua o futuro da cal
dependerá da propia sociedade e do coidado do pobo para trasmitirla de
xeración en xeración
Nunha entrevista concedida a Europa Press,
March recordou que leva escoitando "preocupacións" sobre a desaparición
do galego ou pola perda de falantes dende hai décadas e que, non
obstante, aínda "segue aí", aínda que considerou que o destino do idioma
"non depende dos políticos". "Depende de vós", engadiu.
"A xente
podería falar máis, coidar máis a calidade da lingua, iso sempre, pero
aínda está aí. Máis que nada teño fe na importancia da lingua, como
parte da identidade galega", destacou, sobre a súa visión acerca da
situación do idioma nos últimos anos.
March contrapuxo Galicia
coa situación de Estados Unidos onde "o capitalismo está a facer
estragos, en todos os sentidos", cunha sociedade "amante das grandes
empresas", descoñecedor da historia e onde a cultura "non é cultura nin é
nada".
"Mañá poderían dicir que todos imos falar a lingua de
Mickey Mouse", ironizou, e que usou para constatar que Galicia "ten máis
posibilidades de sobrevivir".
A pesar diso, si escoita e le as
críticas de "moitos amigos" sobre a situación do idioma incidindo en que
"os galegos que falan galego van poder manter viva a lingua". "Adiante
co galego e a seguir tendo orgullo, non cuestionando a súa posibilidade
de seguir en pe".
VISIÓN EXTERIOR
A tradutora tamén
incidiu en que se incrementou o volume de estudosos de literatura galega
no exterior, sobre todo a partir da "aparición de Internet e medios de
comunicación" electrónicos que permiten ter acceso a obras ás que antes
só podían acceder mediante a compra física en Galicia.
"Hai moito
que se pode facer. Somos estranxeiros, e sabemos que existe unha
cultura e unha lingua e podemos axudar, a valorar, visibilizar, e a
traducir. Temos unha pequena cousa coa que contribuír nese sentido".
March
acudiu a Santiago para participar no a XXVIII edición dos Cursos de
Lingua e Cultura Galega para estranxeiros da RAG, na que falou sobre a
súa investigación da literatura de viaxes por parte de escritoras
anglosaxonas que acudían a descubrir a cultura de Galicia.
"Querían
coñecer a arte, a historia, a arquitectura. Lían moito sobre a historia
da Igrexa", engadiu, aínda que tamén "tiñan outro xeito de ver as
cousas" e querían "falar coa xente, observar doutro modo".
Sobre
todo, manifestou "moito interese" en comprender o xeito en que se
achegaban á poboación para "coñecer as cousas da xente", a súa vida,
dado que "practicamente non sabían" galego, e que en aquel tempo España
aínda "non era obxectivo de moitos viaxeiros", polo que chegar a Galicia
era "máis aínda un desafío".
"O POUCO GALEGO" QUE HAI EN MADRID
Tamén
se referiu á polémica mediática sobre unha posible eliminación do nome
de Álvaro Cunqueiro dunha rúa de Madrid en cumprimento da Lei de Memoria
Histórica, medida que non é oficial nin está confirmada polo Concello.
Neste
sentido, cre que o debate sitúa os galegos "nunha situación difícil" e
descoñece se hai "unha boa resposta", aínda que si destacou a Cunqueiro
como "un bo escritor" do que se pode analizar, e "gozar" coa súa obra.
A
pesar diso, considera que se esta medida se chega a efectivizar e quita
"o pouco galego" que hai en Madrid se debería de substituír por outro
escritor ou escritora de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario