O escritor Manuel Rivas fala do seu compromiso co ecoloxismo, do desastre do 'Prestige', dos incendios ou da Foxa Atlántica.
A carreira profesional do escritor, xornalista, ensaísta e poeta Manuel Rivas (A Coruña, 1957) estivo profundamente ligada dende os seus inicios ao compromiso ambiental. Socio fundador da organización conservacionista Greenpeace en España, recibiu numerosos premios polo seu activismo ecolóxico. Rivas definiuse a si mesmo como ‘ecoloxista da palabra‘, e os seus libros tamén gardan a esencia do seu amor polo mar e a natureza. Esta é a súa entrevista con Eva Rodríguez, para a axencia SINC.É escritor pero a súa vida está moi ligada ao mar e á conservación do medioambiente. Como e cando inicia este compromiso?
Foi cando empecei a publicar os meus primeiros traballos xornalísticos. Canto remataba o bacharelato comecei a traballar no xornal ‘El Ideal Galego’ e nunha revista nos que publiquei traballos dun forte conflito ambiental nas Encrobas. Queríase instalar (e instalouse) unha central térmica. Había moita oposición por parte da xente que vivía nesa bisbarra, dos labregos. Estabamos no tardofranquismo, seguía coleando a ditadura, e utilizábanse procedementos moi agresivos nas expropiacións, sen ningún tipo de defensa legal por parte da xente.
Viviuno en primeira persoa entón…
Recordo un dos días nos que se quixo ocupar os terreos e houbo unha carga brutal no monte. Na primeira liña estaban as mulleres labregas con paraugas e a garda civil procedeu á ocupación da zona. É algo que teño gravado, é dos episodios que a un lle cambian a mirada na vida. Foi un dos traballos que escribín con máis conmoción e intensidade.
Que outros episodios deste tipo garda na retina?
Este feito coincidiu precisamente no tempo co intento de instalar unha central nuclear na costa de Galicia, en Xove. Levouse adiante de forma oculta e co procedemento administrativo feito e aprobada a construción. Pero hoxe non temos unha central nuclear na costa norte de Galicia porque, cando saíu á luz, grazas á oposición, houbo unha toma de conciencia e unha mobilización popular. Por un lado tivo unha parte de noticia sinistra, xa que se trataba de decisións que puideron cambiar o medioambiente do lugar onde vives. Con este episodio quedou a desconfianza que pode xurdir cun mal goberno, pero tamén un depósito de esperanza ao ver como a toma de conciencia da xente pode cambiar as medidas e conseguir evitar desastres.
Outro conflito recente, o da oposición á exploración e posterior explotación de petróleo en Canarias e Baleares, tamén produciu unha gran mobilización popular. Cal é a súa opinión ao respecto?
Poderemos falar de democracia cando se poida facer unha consulta neste tipo de decisións que conseguen transformar completamente o medio e afectan á poboación. Son cuestións fundamentais. A democracia non debería consistir só nunha votación cada catro anos. O que non pode ser é que un goberno elixido democraticamente actúe como unha especie de xestor dunha gran multinacional, e non como representante dos intereses do pobo. O primeiro que hai que facer é unha consideración de bo goberno. Estamos falando de partes do mundo onde a xente basea o seu modo de vida, e cada vez terá que facelo máis, no respecto á natureza. Este tipo de explotación tan depredadora e agresiva, e máis nestas zonas, paréceme un despropósito.
“Os grandes incendios veñen por moitas causas, non por catro tolos”
Na súa experiencia como activista en organizacións como
Greenpace e Nunca Máis, cre que existe conciencia social en España cara
aos temas ambientais?Creo que aumentou, pero o proceso de destrución vai moi rápido e, en cambio, o tecido da conciencia é moi laborioso. Os actos de goberno son aínda máis lentos. Pero a xente ten mellor disposición e compromiso, e maior defensa do ben público do que parece. Non obstante, dalgunha forma está mergullada e anestesiada por esta dose de arsénico mediático que se vai administrando cada día. Parece que non interesa potenciar o mellor recurso dun país: a conciencia e o compromiso dos cidadáns.
Os libros arden mal, pero os montes arden ben cada verán. Quen queima as fragas?
Aquí podo falar da miña experiencia. Na propia Galicia hai lugares onde existe unha cultura de respecto á natureza e mantense a diversidade. Pero clama ao ceo o que se está a facer cos montes onde se aproveita a crise agrícola e a despoboación. Aínda que prospere esa idea de que hai moitos incendios porque hai moito tolo, sempre hai unha causalidade. Os grandes incendios -aquí e en todas as partes- prodúcense por múltiples causas, non por catro tolos. Levamos anos espantosos falando de incendios e por agora segue sen haber unha cultura xurídica ou instrucións serias como noutros campos. É coma se acontecese por unha especie de fatalidade cíclica.
En que medida a modernidade mal entendida prexudica ao medioambiente, como acontece nalgún dos seus relatos?
Cada vez que un aparato tecnolóxico sae ao mercado é unha gran noticia, case unha revolución. Pero o verdadeiro revulsivo sería que estes dispositivos e cada medio de comunicación incluíse un sistema operativo que, acudindo á poesía clásica chinesa ‘lavase os ollos’, é dicir, que cando aconteza algo indignante, nos lavase os ollos para poder ver mellor. Esa aplicación está pendente, aínda que existe a través da solidariedade e a participación presencial da xente. É moi importante non estar sós, non se illar cada un nun reduto ou nunha gorida. Ao pensar en ecoloxía e medioambiente estamos a falar dunha cultura alternativa, non só de cuestións de índices de contaminación química ou de afectación do territorio. Tamén de xeitos de vivir.
“En pouco tempo, un cuarto de século, Galicia viviu catástrofes enormes”
Que lle suxiren nomes como Foxa Atlántica, Mar Egeo, Urquiola, Casón ou Prestige?Nun período moi curto de tempo, nun cuarto de século, vivimos catástrofes de enormes dimensións. O Prestige foi como un último asalto, pero tamén unha especie de metáfora da responsabilidade e dun modo de capitalismo criminal. Ademais da dimensión da catástrofe houbo un ‘contranaufraxio’. O que o fai diferente foi a inmensa mobilización da xente, a protesta e a solidariedade, non só no lugar máis afectado de Galicia. Hai que situalo nun lugar de honra nun calendario de apoio ás loitas ambientais e, en xeral, da humanidade. O antes e despois do desastre ten que ver coa actitude da xente que agora se levanta e loita polo mar e a Terra. Xa non nos sentimos como especie á marxe do fogar onde vivimos. Existe un precedente sen o cal non tivese existido un Nunca Máis. Foi unha loita anterior, de principios dos anos 80, pero segue sendo descoñecida porque hai bastante interese en borrar esa memoria de insurxencia e rebeldía por un mundo mellor. Foi a mobilización contra o cemiterio de residuos radioactivos que había na Foxa Atlántica.
Que acontecía con eses residuos?
Nos anos 60 vertíase aí o lixo nuclear de practicamente toda Europa occidental. Tamén se facía en segredo. Ese tipo de violencia contra a natureza adoita ir acompañada coa ocultación. Houbo unha rebelión cando se coñeceu esa práctica que empezou cun pequeno barco pesqueiro galego que se chamaba ‘Xurelo’. Fixo vibrar moitas conciencias e rematou cunha vitoria. Foi unha loita que empezou sendo local, en Galicia, pero que rematou uns anos despois co acordo da Organización Marítima Internacional de prohibir todas as verteduras de residuos radiactivos no mar en todo o planeta. Non pasaron tantos anos, pero se miramos cara a atrás e vemos que isto se facía co apoio e o respaldo de gobernos e institucións internacionais, vemos ata que punto existe esa criminalidade ambiental e como, moitas veces, queda impune.
“Nos anos 60 vertían na Foxa Atlántica todo o lixo nuclear da Europa occidental”
‘Balada nas praias do Oeste’ e ‘Costa da Morte blues’ son
outras obras súas. Precisamente despois do resultado de sentenzas como
as que recibiu o caso do Prestige, cre que o mar das praias do oeste
segue tendo alma de blues ou canta baladas malditas?O fundamental é ver o que está a pasar porque ás veces non nos deixan. A contaminación afecta tamén á información de fondo. Hai moitas cousas que pasan no mundo e que non sabemos. É o propio mar o que, ás veces, nos axuda a coñecer a realidade. Expulsa o que o está a matar. Non hai que entender a mirada da natureza como unha especie de reduto do bucólico. A natureza é todo. Podemos admirar o mar e sentir esa música que pode soar a blues, pero tamén contén moito dor. Á natureza pásalle o mesmo que aos animais que falan pero non os entendemos. Un dos problemas que temos nesta época é que o dano ambiental supón tamén unha deterioración humana. Ultimamente o que predominou nos campos do pensamento, a economía e a política son ideas asociadas á cobiza e a velocidade, en definitiva ao desprezo do público. A isto non lle poñería cualificativos como os da vella política e ideoloxía, senón que falaría de ecoloxía e modo de vida. Ao final só hai dous grandes partidos: a inhumanidade e a humanidade. Esta última é inconcibible se non é como parte da natureza.
Naceu na cidade da Coruña pero vive no campo. Alguén falou dun “macondo galego” e de “neo-ruralismo” nos seus relatos. Que opina do éxodo rural?
Se a xente se vai é porque hai un descontento. Non hai servizos nin condicións de vida que permitan ver con esperanza o futuro. É un factor fundamental e volvemos ao tema das causalidades. A alternativa non é unha idealización. Unha aldea pode ser un bo lugar onde estar, pero tamén pode ser un inferno. Non teño unha visión idílica. Ademais, hoxe en día non existe unha fronteira claramente delimitada entre o rural e o urbano. Teriamos que falar dunha nova, por chamalo así, ‘psicogeografía’. Pódese vivir nun medio natural e ter hábitos culturais semellantes ou máis de vangarda que alguén que viva nunha metrópole. A despoboación acelerada do campo vai acompañada dun modelo económico como o da construción masiva no litoral, que é de usar e tirar. A alternativa é outra forma de vida centrada no potencial do medio e dos recursos propios. Isto levaríanos a cuestionar non só o modelo económico, senón tamén o modelo de vida. As cousas que funcionan ben son alleas a ese capitalismo impaciente no que vivimos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario