martes, 28 de xullo de 2015

Benestar recorta tres prazas docentes das garderías de Lalín a pesar de crecer a demanda

Educación infantil en Lalín
 
A escola do polígono queda con catro profesores, un por aula, e dúas máis de apoio - Na do Pontiñas amortízase un posto de educador - O Concello esixe que se manteñan e quéixase de non ser informado.

As escolas infantís públicas de Lalín terán tres profesores menos o próximo curso. A Consellería de Traballo e Benestar decidiu "amortizar" unha praza de mestra e outra de educadora na gardería do polígono Lalín 2000 e unha máis de educadora no outro centro, situado no inicio do Paseo do Pontiñas, entre o lago e o Auditorio Municipal. Nicolás González Casares, edil de Servizos Sociais, deu a coñecer onte a supresión destas prazas, da que el mesmo se decatou a través dos sindicatos. "A día de hoxe, desde a Xunta de Galicia aínda non nos comunicaron nada", lamenta o concelleiro.
"Din que a crise terminou, pero os recortes continúan e afectan a cuestións esenciais para a cidadanía", declara o edil. "Quitar servizos ás familias é unha vergoña. É un recorte puro e duro de servizos esenciais", apostila o tenente de alcalde. Admite que houbo un descenso da matrícula nos últimos anos; con todo, a día de hoxe existe máis demanda da que había o ano pasado, pois a lista de espera da escola situada no parque Lalín 2000 xa pasa en catro persoas os 44 nenos matriculados durante o curso que conclúe esta mesma semana. Así que o goberno lalinense reclamará á consellería "que non se mova nin unha soa praza en Lalín" e pedirá explicacións sobre a falta de información oficial e directa da Xunta, "por que non se nos deu conta".
Na gardería do polígono empresarial, os recortes afectan a dúas aulas, que se van a quedar sen "parella educativa", é dicir cunha soa profesional docente por clase. Deste xeito, o centro terá unha mestra ou educadora por cada unha do seu catro aulas e outras dúas de apoio, incluída a directora, que necesita tempo para desenvolver as súas funcións administrativas. Na escola do Pontiñas, cuxas cinco aulas tiñan parella educativa, tamén unha verase privada dela. Neste centro, ademais de amortizar unha praza de educadora, Benestar tamén suprime outra de Persoal de Servizos Xerais (PSX), que quedara vacante ao non cubrirse a xubilación dunha traballadora.
Casares considera un "agravante" o feito de que o Concello de Lalín non fose informado, a pesar de ser o propietario dos terreos e pagar servizos como a luz ou a auga. "É unha desconsideración absoluta por parte da Xunta, é unha vergoña, foi totalmente desleal co Concello", denuncia o concelleiro socialista. "Aínda por encima pídennos que recollamos as matrículas en agosto, porque as escolas están pechadas", engade. Con independencia da demanda final, a día de hoxe ambos os centros da rede A Galiña Azul -xestionada polo Consorcio Galego do Benestar- contan con lista de espera, o que arroxa un crecemento da demanda, de modo que desde o Concello de Lalín esixirán que se manteñan os postos docentes.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario