luns, 20 de xullo de 2015

A Universidade da Coruña, penúltima entre 1.000 universidades do mundo

Universidades de países como Uganda ou Exipto obteñen mellores resultados que a UDC, última no Estado. A USC sétima de España por calidade docente e a produción investigadora, segundo os datos do Center for World University Rankings (CWUR). A Universidade de Vigo ocupa unha posición intermedia. 

A Universidade de Santiago sitúase como a sétima de toda España na edición 2015 do Center for World University Rankings (CWUR). Esta clasificación preséntase como o “único ránking universitario mundial que mide a calidade da educación e a formación do estudantado, así como o prestixio dos membros da facultade e a calidade das súas investigacións sen depender das enquisas e a presentación de datos por parte de cada universidade”.
 
Nunha perspectiva internacional, a USC ascende ao posto 363 dunha relación na que se inclúen un total de 1.000 institucións de todo o mundo. A Universidade de Vigo está no posto 686 a nivel internacional e 23 no español.
 
Malos resultados para a Univesidade da Coruña: é a penúltima internacionalmente, no 999, e na posición 40 e última a nivel estatal. CWUR é unha clasificación recoñecida internacionalmente e que non ten enconta unicamente países desenvolvidos. Así, avalía universidades europeas ou de China e Xapón, pero tamén de estados con moitos menos recursos como Uganda, Exipto ou Tailandia. Cómpre lembrar que a UDC está a pasar por unha delicadísima situación económica, que a levou incluso a deter a compra de calquera novo material non imprescindíbel.
 
Para a  clasificación utilizáronse oito indicadores que avalían a cada Universidade pola calidade da educación, empregabilidade do alumnado, calidade das facultades, publicacións, influencia, índice de citacións, impacto e solicitude de patentes internacionais. O maior peso recae nos tres primeiro aspectos, cun 25% da ponderación da nota final final para cada un destes indicadores.
 
Así, para avaliar a calidade da educación tense en conta o número de alumnos universitarios recoñecidos con premios internacionais, mentres que no relativo á taxa de empregabilidade o ránking toma como referencia o número de ex alumnos de cada Universidade que acadaron posicións como directivos nas principais compañías mundiais. Finalmente, para a calidade das facultades tomaron en consideración os premios acadados polos persoal docente e investigador. A menor porcentaxe da nota final, o 25%, está repartido entre o número de artigos publicados en revistas especializadas (5%), aqueles publicados en revistas de alto impacto (5%), o número de traballos altamente citados (5%), o índice h de cada Universidade (5%) e o número de solicitudes de patentes internacionais (5%).
 
A Universidade de Santiago acada as súas mellor cualificacións no apartado relativo a patentes (126 do mundo), calidade das súas facultades (218), índice de citacións (287) ou impacto da produción científica (373). Na clasificación das españolas, preceden á compostelá as universidades de Barcelona, Complutense de Madrid, Autónoma de Barcelona, Valencia, Autónoma de Madrid e Navarra. Non hai ningún centro estatal entre os 100 primeiros e hai seis entre os 100 últimos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario