venres, 10 de xullo de 2015

Culturgal: Unha feira para "presumir" de cultura

"Presume de Culturgal". Cando restan cinco meses para que bote a andar a edición 2015 do Culturgal, que se celebrará do 4 ao 6 de decembro a metade do espazo dispoñible na feira das industrias culturais de Galicia xa está reservado e as entidades que o impulsan, traballando a pleno rendemento. Todas elas presentaron este xoves algunhas das novidades dun certame que volve ter como escenario o Pazo da Cultura de Pontevedra e no que este ano "a palabra" terá un protagonismo especial.
Literatura, tecnoloxía, música, foros ou encontros farán que "a feira sexa un espazo da palabra", di o seu director, Xosé Manuel Aldea. Por ese motivo, explica, "tamén queremos solventar os problemas de interferencias sonoras entre espazos" que se puidesen dar en anos anteriores. Entre eses espazos non estará, como en anteriores edicións, a tenda oficial do Culturgal: "Culturgal é unha feira -explican- e polo tanto, os obxectivos comerciais son prioritarios", deixando deste xeito máis marxe ás empresas e entidades participantes para vender os seus propios produtos.
A presentación realízase nun momento no que, subliña Aldea, "as convocatorias para reservar postos e para a programación están abertas". Nesta ocasión, resalta, os expositores teñen "a posibilidade de escoller o espazo no que queren estar", no canto de ser asignado pola organización. Deste xeito, a orde de chegada é relevante á hora de poder ter máis onde elixir: "se non se esgotan antes, o prazo de reserva de stands remata o 31 de outubro e a presentación de propostas para a programación, o 30 de setembro", lembra.

Públicos diversos para "contidos de calidade"

Bragado: "A resposta ante a introdución da entrada de pago na edición de 2014 é síntoma do futuro da feira"
Como en cada edición, o Culturgal aspira non só a ser unha cita de profesionais das industrias culturais, senón tamén para o público en xeral. A feira, explica o presidente de Culturgal, Manuel Bragado, ten públicos diversos e a intención é "chegar a todos eles". "Hai público familiar, hai público interesado en propostas concretas da programación e tamén hai público profesional". "Hai tempo -resalta- que sabemos que non nos diriximos a unha audiencia acoutada". "O equipo organizativo ten o compromiso de manter altos estándares de calidade e seguridade" nun evento ao que, por segundo ano consecutivo, se accederá pagando unha entrada de 2 euros para persoas adultas e 1 para menores de 12 anos. "A resposta ante a introdución da entrada na edición de 2014 é síntoma do futuro da feira", coida Bragado.
A capacidade de atracción de público tamén é resaltada dende o Concello de Pontevedra, que colabora na organización. A xuízo da edil de Promoción Económica e Turismo da cidade, Anabel Gulías, "Culturgal enche de contidos de calidade a cidade e ten un impacto directo na actividade social e económica de Pontevedra", resalta. Dende a Axencia Galega das Industrias Culturais o seu director, Jacobo Sutil, cualifica de admirable o "traballo teimudo e rigurosos do Culturgal" para "reunir e organizar os axentes culturais de Galicia durante tres días".

Ningún comentario:

Publicar un comentario