TELGalicia publica este programa que ofrece cursos en liña e facilita o traballo nas aulas con alumnos de Primaria e Secundaria.
Facilitarlle aos mestres e mestras de ensino
primario e secundario a dixitalización das clases. Este é un dos grandes
obxectivos da rede de investigadores TELGalicia, integrada por dez grupos de investigación das tres universidades galegas, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e centro tecnolóxico Gradiant.
TELGalicia vén de presentar a plataforma Edu-AREA, “unha aplicación
para dispositivos móbiles Android que acabamos de publicar no Google
Play e que xa está dispoñible para todo o mundo que a queira baixar”,
explica Manuel Caeiro, profesor da Escola de Telecomunicacións de Vigo e coordinador da rede.
A nova App deseñada polos investigadores de TELGalicia permite que os mestres poidan acceder aos cursos dispoñibles na web de Edu-AREA
a través das súas tabletas ou teléfonos móbiles, seguir os plans e
facer trocos nos mesmos, introducindo novas actividades se o ven
preciso, rexistrar observacións, e tamén subir fotos, vídeos ou outro
tipo de ficheiros. “Con esta ferramenta o profesor pode seguir durante a aula o seu plan de clase,
vendo os recursos e as orientacións que preparou e, cando o considere
oportuno, facer unha foto ou gravar un vídeo para recoller algo que lle
chama a atención”, explica Caeiro.
As funcionalidades da nova App están dispoñibles aínda que o dispositivo non conte con conexión a Internet,
algo bastante habitual, sobre todo cando se desenvolven actividades ao
aire libre, como excursións ou traballos de campo. “Todas as
observacións rexistradas se sincronizan de modo automático coa plataforma web
en canto se dispoña de conexión, co que a partir dese momento pódense
ver neste medio”, recalca o coordinador da rede, que explica que a App dispón tamén dunha funcionalidade para a detección e difuminado de caras nas fotos, o que permite “agochar” as caras dos nenos e cumprir así coas normas de moitos centros de ensino non universitario.
A nova App desenvolvida en Galicia está dispoñible gratis en Google Play
A maiores, desde a rede están xa traballando noutras funcionalidades relacionadas, como a publicación de observacións en blogues públicos
e nunha App para que os alumnos poidan facer entregas a modo de
observacións que despois queden dispoñibles para o mestre. “Trátase de
seguir traballando para facilitarlle aos mestres a realización de certas tarefas que lles poidan servir de achegamento ao mundo dixital e a Edu-AREA
en particular”, explicou o coordinador, ao que engadiu que nos
vindeiros meses tratarán de desenvolver unha experiencia para pór a
proba a funcionalidade de licenzar recursos educativos,
en especial conforme a licenzas Creative Commons. “É preciso mellorar o
coñecemento sobre as opcións de licenzamento dispoñibles e ofrecer
axuda técnica para que a xestión de licenzas se poida facer con máis seguridade”, recalcou o investigador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario