venres, 24 de xullo de 2015

A Conferencia Episcopal preme o Goberno para que aumente as horas lectivas de Relixión

  • Dirixentes da Igrexa católica reuniranse co ministro de Educación para "recordarlle o tratamento axeitado do ensino relixioso"
  • Reclaman un aumento das horas da materia e a súa oferta obrigatoria en Bacharelato

O secretario xeral e voceiro da Conferencia Episcopal Española (CEE), José María Gil Tamayo, e o presidente da Comisión de Ensino da CEE, César Augusto Franco, reuniranse este xoves 23 de xullo co novo ministro de Educación, Íñigo Méndez de Vigo, para pedirlle que cumpra os Acordos asinados entre a Igrexa e o Estado no que se refire á materia de Relixión que, ao seu xuízo, coa Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), quedou reducida en horas e non será de oferta obrigatoria en Bacharelato.

"Imos recordarlle o marco constitucional e o tratamento axeitado ao ensino relixiosa escolar, que non se está a dar nestes momentos," precisou Gil Tamayo nunha entrevista con Europa Press, ao tempo que engadiu que este marco non se cumpre nin no que se refire ao dereito dos pais a elixir a educación que queren para os seus fillos, nin no que respecta aos Acordos Igrexa-Estado, que recoñecen o "carácter fundamental" da materia de Relixión.

Ademais, o voceiro dos bispos indicou que tampouco están de acordo coa redución horaria da materia na LOMCE e recordou que xa son varios os arcebispados que levaron o caso aos tribunais de Xustiza, como o de Baleares ou o de Oviedo. Tamén o van formular, segundo engadiu, os arcebispados de Sevilla e Granada. "Hai un descontento con respecto ao tratamento da materia", matizou.


En todo caso, puntualizou que este tratamento que fai a LOMCE da Relixión non só leva consigo a diminución das horas senón tamén o feito de que a materia non se oferte en Bacharelato cando, en realidade, segundo recordou, "é obriga dos centros" ofertala para que os pais dos alumnos ou os propios estudantes poidan elixila libremente.

Gil Tamayo tamén mostrou a preocupación dos bispos polos profesores de Relixión pois a redución da carga lectiva pode "levar consigo unha situación de desemprego". Finalmente, recordou que o que reclama a Igrexa católica para ela mesma, tamén o pide para o resto das confesións que teñen asinados acordos co Estado, é dicir, musulmáns, xudeus e evanxélicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario