As actividades repartiranse en tres talleres durante os meses de xullo e agosto: «Pintar, sementar e recortar», «Diver-experimentando», e «Vacacións animadas: cando os debuxos falan».
A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) dedica a súa proposta de obradoiros de verán 2015, dirixidos a nenas e nenos de 4 a 12 anos, á ciencia e á investigación. O obxectivo destas actividades, que se desenvolverán entre o 14 de xullo e o 27 de agosto na Coruña, é que os participantes poidan aprender divertíndose e, ao mesmo tempo, promover un espazo que contribúa á conciliación da vida laboral e familiar. Información e reservas no teléfono 981 185 060.«Pintar, sementar e recortar», está dirixido a nenas e nenos de 4 a 7 anos e desenvolverase os días 14, 15 e 16 de xullo, en horario de 11.00 a 13.30 h. Os participantes poderán acudir de modo independente ou os tres días programados. Na primeira sesión aprenderán a fabricar unha árbore xenealóxica; o segundo día elaborarán un retrato do presente con témperas e acuarelas e na última sesión, as nenas e nenos aprenderán a sementar e farán a súa propia horta caseira.
«Diver-experimentando», de 8 a 12 anos, comezará o luns 20 de xullo e estará estruturado nun total de cinco sesións, ata o venres 24, ás que as nenas e nenos poderán acudir de forma independente ou a semana completa, en horario de 10.00 a 13.00 h. A primeira xornada estará dedicada á bioloxía e á botánica. Nela o protagonista será o noso cerebro e, para achegar aos pequenos aos seus misterios, desenvolverán experimentos sobre óptica e percepción. O martes a sesión centrarase na física e a química, na que os participantes se aproximarán, como científicos por un día, ás densidades dos líquidos, as mesturas máxicas de laboratorio, a gravidade ou a forza centrífuga. A terceira xornada, o mércores, centrarase na astronomía e os buracos negros, cunha pequena viaxe a través do sistema solar e as constelacións. O xoves estará dedicado á mecánica: ás ondas magnéticas, as pilas naturais ou á fabricación de pequenos obxectos eléctricos, e a última xornada, o venres 24, centrarase en promover a creatividade e o emprendemento: as nenas e nenos participantes farán os seus propios inventos.
«Vacacións animadas: cando os debuxos falan», conta con dúas modalidades, a infantil, dirixida a nenos de 4 a 7 anos e a xuvenil, dirixida a nenos de 8 a 12 anos, que se celebrarán todos os martes, mércores e xoves desde o 28 de xullo ao 27 de agosto en dous diferentes horarios: de 10.00h a 12.00 h para a modalidade infantil, e de 12.00h a 14.00 h para a xuvenil. Nestes talleres os nenos e nenas descubrirán todos os segredos que hai detrás da creación dos seus heroes de animación preferidos. Esta actividade desenvólvese ao redor da exposición «Heroes animados» que se pode ver na Sede de Afundación na Coruña ata o 28 de novembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario