luns, 1 de febreiro de 2016

A CIG-Ensino exixe a destitución do xefe territorial e inspector xefe da Consellaría de Educación da provincia da Coruña

Convocatoria tras convocatoria, a xefatura provincial da Coruña rexeitou negociar, como é preceptivo, as vacantes que posteriormente se ofertan no CXT, limitándose a entregalas uns días antes

A Consellaría de Educación convocou Concurso Xeral de Traslados (CXT) para o profesorado do ensino público non universitario, estabelecendo un prazo que remata o día 5 de febreiro. A participación neste concurso pode ser importante, xa que talvez se aproxime aos/ás 10.000 docentes, debido a que o curso pasado a Consellaría non o convocou.
Convocatoria tras convocatoria, a xefatura provincial da Coruña rexeitou negociar, como é preceptivo, as vacantes que posteriormente se ofertan no CXT, limitándose a entregalas uns días antes, coa xustificación de que, ao convocarse o concurso no primeiro trimestre, non había tempo suficiente para conseguir os datos necesarios. A falta de consistencia desta argumentación evidenciase agora en que, malia que a convocatoria do CXT se retrasou ao mes de xaneiro este ano, a Xefatura Territorial da Coruña non está en disposición de iniciar a negociación e nin sequera de facilitar, provisionalmente,  as vacantes que inicialmente ten pensado ofertar. Isto supón un prexuízo enorme para o profesorado que concursa, pois terá que facelo sen coñecer as vacantes que van ofertar en toda a provincia da Coruña.
A CIG-Ensino, considerando que estamos ante unha actuación que se repite todos os anos e que non se emenda, exiximos que o conselleiro asuma a responsabilidade de cesar inmediatamente o xefe territorial e inspector xefe da Xefatura Territorial da Coruña por ineficacia absoluta, autoritarismo exacerbado e desprezo absoluto ao profesorado e aos seus representantes. Ao mesmo tempo, exiximos que se coñeza a previsión da oferta de vacantes da Consellaría e que inicie inmediatamente a súa negociación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario