O afianzamento do ámbito dixital alenta o xurdir e
o mantemento de medios en galego. Así se fai saber na Carta
Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa,
que vén de publicar, a través do seu comité de expertos, un cuarto
informe de seu para España. Nel avalíase a fondo o estado de saúde
da nosa lingua nos medios, un “estado de saúde” que a Carta
cualifica de parcialmente aceptábel. Ou
sexa, que se cumpriron algúns compromisos pero outros están aínda
pendentes de chegar a bo porto. Entre estes últimos, atópanse
as canles privadas da TDT e o eido da prensa en papel, onde como
lembraremos xa non fica en activo ningún xornal en galego. Tamén se
alenta no documento a “promover a recepción das radios e
televisións portuguesas”.
Nas recomendacións
para o caso galego, pola contra, considéranse “parcialmente
cumpridos” os obxectivos de fomentar a posta en marcha de polo
menos unha radio e polo menos unha canle de TV en galego. Porén, no
relatorio sinálase que o Goberno autonómico “non semella moi
activo á hora de garantir que se cumpra o mínimo da metade da
programación en galego nas licenzas autonómicas da TDT”. No caso
da prensa, saliéntase como dixemos o papel da contorna dixital como
palestra para a aparición e afianzamento de medios na nosa lingua
(Praza.gal, Codigo
Cero, Galicia
Confidencial, Que pasa na
costa, etc) así
como versións en galego dunha parte das plataformas tradicionalmente
publicadas en castelán ou maioritariamente en castelán. Pola
contra, o comité láiase do peche de xornais que apostan polo noso
idioma. Ao fío disto, no relatorio convídase ás administracións
responsábeis e aos profesionais da comunicación a xuntaren forzas
para avaliar as potencialidades dos xornais impresos en galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario