Babiliglub, coa compañía Galitoon
A tranquilidade do fondo do mar vese interrompida por un pequeno peixe e
o seu peculiar xeito de falar, o protagonista só sabe dicir Miau!! O
son que emite o peixe provoca unha airada resposta no resto da fauna
mariña, un trío de peixes, un peixe multicolor e un polbo, que só saben
dicir NON! Pero no fondo mariño o politicamente correcto sería dicir
Glub! A representación é unha alegación a tolerancia e a aceptación da
diferenza. O espectáculo produciuse seguindo os estándares
internacionais de The Children Television Work Shop e Jim Henson's
Company (Barrio Sésamo), e utilízase a técnica de luz negra. A
característica máis importante de Babiliglub, é que é un espectáculo
que só ten 4 palabras ( SE, NON, GLUB e MIAU). O martes 23 de febreiro
ás 10:00 e ás 12:00 horas e o mércores 24 tamén ás 10:00 e 12:00 horas,
no Teatro Principal de Santiago.
58 cumpreanos de Lois Pereiro
O 16 de febreiro, Lois Pereiro cumpriría, de seguir vivo, 58 anos. Con
tal motivo, unha serie de amigos en todo o mundo organizan unha serie de
actos desde ese día ata finais de mes en homenaxe del e da súa obra,
baixo o título xenérico de Cicloxénese Cultural Explosiva. Iso inclúe un
ciclo de conferencias e intervencións na Universidade de Vigo,
exposicións en Monforte e nas Universidades de California (UCLA) e
Conneticut (UConn), concertos en Nova York e un recital escénico na
Coruña. Os actos comezaron no pavillón central da Universidade de Vigo,
coa inauguración da exposición Siluetas Furtivas: I Certame Cicloxénico de Ilustración e VideoCreación, unha performance e estrea en España do documental Desaparecidos, de Carla Navi.
As Siluetas Furtivas son obras gráficas ou audiovisuais sobre a vida ou
a obra do poeta monfortino que remitiron distintos artistas ata o 31 de
xaneiro. Desde entón, nas redes sociais foise realizando unha votación
para seleccionar as favoritas, que son as que se expoñerán na UVIGO,
UCLA, Uconn e Monforte. As favoritas de público e xurado levarán premios
cedidos por artistas como Antón Patiño ou Emilio Cabezas, ou por
iniciativas como Curtopía, Revista Luzes e BöömDïäS. Tamén serán
editadas por Astromántica Cartoneira. En NY, os grupos musicais Fluzo e
Xenderal actuarán esta fin de semana no Palisades de Brooklyn e no
Silvana de Harlem baixo o título Galician Cultural Cyclogenesis.
Finalmente, na Coruña, a finais de mes, Lino Braxe dirixirá un recital
escénico coa participación da xeración máis nova de creadores, chamado
20 voces por L@is, en referencia a que este ano tamén se cumpre o 20
aniversario do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas 2011.
Neves Seara abre a programación da Zona C
Neves Seara abre a programación da Zona C ligada á recente convocatoria
de apoio á creación en artes visuais deste espazo compostelán. Esta
convocatoria pretende, segundo explica o concello nunha nota de prensa,
consolidar vías de intervención artística para creadores emerxentes. Na
modalidade de proxectos de intervención artística presentáronse 57
traballos dos que foron seleccionados 5 creadores: Carlos Alba, Marta
Bran, Jacobo Bugarín e Neves Seara. Na modalidade de comisariado foron
11 os presentados, e foron seleccionadas 2 comisarias, Desirée Vidal
Juncal e María Marco. E foron 9 os presentados para comunicación gráfica
quedando seleccionada Catarina Dantas, que será quen de traballar con
cada artista e comisario para desenvolver a imaxe de cada intervención.
Neves Seara abriu nova etapa con 73 liñas de horizonte (segunda carta ao meu pai),
cunha acción que mantivo a artista na Zona “C” o tempo necesario para
ir destapando capas emocionais que involucran o corpo e esforzo físico. A
intervención estará aberta até o 27 de marzo. Neves propón un traballo
conxunto con Ana Seijo Cuba, terapeuta e psicóloga en dous talleres
diferentes: Historias re-escritas, no que desenvolven sesión de
traballo para profundizar nos aspectos emocionais da expresión
artística con participantes voluntarios do Centro Sociocomunitario da 3º
idade da Porta do Camiño. E Onde habitan as palabras (Carta a...),
taller intensivo de oito horas na que artista e psicóloga desenvolven
un traballo que serve para facilitar a expresión das emocións
enclaustradas. O taller será os días 5 e 19 de marzo e está dirixido a
todos os públicos cun máximo de 15 persoas por grupo. As reservas
faranse no mail da artista nevesseara@gmail.com.
Ningún comentario:
Publicar un comentario