Este 16 de febreiro
escenificouse outro acordo histórico para a nosa terra en materia
tecnolóxica. Falamos da alianza asinada entre a asociación Ineo
e o Colexio Profesional de Enxeñaría
en Informática de Galicia (CPEIG), un convenio que se dirixe a
fomentar o traballo conxunto para defender, “de xeito coordinado”,
os intereses das empresas e os profesionais do sector. O acordo,
segundo fixeron saber as dúas entidades, é unha proba máis do seu
compromiso mutuo a prol de “reforzar a unión do tecido TIC
galego”.
Con este convenio, de
feito, renóvanse as bases de colaboración que xa tiñan
establecidas ámbalas entidades, reforzando algunhas en atención ás
peticións dos socios e dos colexiados. O
pacto foi asinado en Santiago por Carlos Conde e Fernando Suárez,
presidentes de Ineo e o CPEIG, respectivamente.
Segundo fixeron saber nun
plano máis concreto, estamos ante unha boa mostra do interese das
entidades representativas do sector TIC por dar forma a “un espazo
de colaboración onde cada quen desenvolva as actividades que lles
son máis próximas e no que se dea acubillo ao resto das
institucións, logrando maximizar o seu impacto”. E engadiron: “A
nosa misión é construír un sector competitivo”. En palabras de
Carlos Conde, as empresas TIC “saben que o seu principal activo son
os profesionais e como patronal non podemos permitirnos o luxo de non
traballar na mellora das capacidades das persoas se queremos ter
unhas empresas fortes”.
Pola súa banda, o
presidente de CPEIG, Fernando Suarez, sinalou que o convenio é “un
marco de colaboración a través do cal se aproveitan e potencian os
recursos de ambas as entidades para conseguir a excelencia dos
profesionais do sector na nosa comunidade”. Con este obxectivo,
ambas entidades comprometéronse a colaborar en proxectos que
fomenten o desenvolvemento dos profesionais do tecido TIC galego, con
actividades que leven á súa especialización en nichos de mercado
de especial interese para Galicia; que complementen a formación
técnica regulada que reciben, que faciliten a mobilidade dos propios
traballadores entre empresas do sector ou que estimulen a creación
de novas empresas no noso sector.
Con este convenio, por
cuxo cumprimento velará unha Comisión de Seguimento, Ineo deu un
paso máis para sumar forzas no sector TIC da nosa terra, paso que se
suma á
sinatura do acordo con TIC Ferrolterra en outubro e do
formalizado
con AGESTIC en decembro. A intención da asociación que preside
Carlos Conde é seguir estreitando lazos con outras entidades afíns,
“co obxectivo de tecer unha rede que permita cubrir todos os
ámbitos de desenvolvemento do sector”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario