A necesidade de traballar
a prol dunha Sociedade da Información libre á par que segura segue
vixente nesta segunda semana de febreiro. Se nas xornadas previas
falamos da celebración do Día da Protección de Datos en Europa
(celebrado
na nosa terra por entidades como o Colexio Profesional de Enxeñaría
Informática de Galicia, a Facultade de Informática da Coruña ou
o
centro tecnolóxico Gradiant), hoxe 9 de febreiro é a quenda de
festexarmos o Día da
Internet Segura, un evento dirixido en parte a pór acabamento ás
ameazas e riscos que poden atopar nenos e adolescentes no seu día a
día dixital e que se desenvolve baixo o seguinte epígrafe Xoga o
teu papel para unha Internet mellor. Boa parte dos manifestos ao
respecto deste día coinciden nun mesmo punto: cómpre máis
formación e sensibilización TIC entre a rapazada pero tamén de
cara a nais, pais e profesores.
Entre as asociacións
máis significadas a prol de visualizar a xornada atópase a
Asociación Xeral de Consumidores, ASGECO, que xa emitiu un
comunicado convidando a nais e pais a participaren activamente na
formación do emprego de Internet por parte dos seus fillos, facendo
fincapé, unha vez máis, nos factores educación, sensibilización e
formación, que son a fin de contas os piares sobre os que se ten que
apoiar a Internet segura máis acaida. Segundo lembran, “durante o
tempo que os menores pasan conectados a Internet poden ser vítimas
dos riscos propios destas contornas cibernéticos: contidos
inapropiados, técnicas agresivas de publicidade e vulneración da
privacidade, pero tamén acoso e extorsión”. A asociación recorda
ás nais e pais que son eles os “principais responsábeis” dos
actos dos seus fillos e fillas menores, non só na vida off line
que todos coñecementos, senón tamén “na outra vida que
desenvolven por Internet”.
Por esta razón, ASGECO
recomenda aos proxenitores aproveitar os sistemas de control
instalados por defecto nos terminais electrónicos (televisores,
computadores, teléfonos móbiles, consolas, tabletas informáticas,
etc.), asegurarse da correcta configuración de seguridade do seu
equipo e a protección da súa rede Wi-Fi. Ademais, a asociación
convida a nais e pais a familiarizárense co uso da informática e
das redes sociais, “co fin de fomentar a educación, o diálogo e a
concienciación dos consumidores máis novos para previr todo tipo de
prácticas perigosas”. Para facer fincapé en todo isto xa se puxo
a disposición dos internautas un
vídeo explicativo e unha
aplicación para dispositivos en varios idiomas en colaboración
cos socios europeos da Confederación de Asociacións Familiares da
Unión Europea, COFACE.
A xornada
Dende Chaval.es,
a web do Goberno central para formar e informar en novas tecnoloxías
ás novas xeracións, recórdase que o evento está organizado polo
Insafe (European network of Awareness Centre) e INHOPE (International
Association of the Internet Hotlines) co apoio da Comisión Europea.
Co gallo da celebración deste día, coñecido como Safer Internet
Day 2016, o devandito portal e Chaval.es organizan unha xornada
referencial para visualizar as diferentes iniciativas que se promoven
en España para garantir unha contorna dixital máis segura para os
menores. O portal tamén recorda que o Día da Internet Segura ten
Facebook e
Twitter de seu,
sitios a través dos cales é posíbel que nenas, nenos,
adolescentes, nais, pais e profesores se sumen á convocatoria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario