Tras medio ano de consultas e negociacións, as organizacións estudantís Agir, Comités e Liga Estudantil Galega presentaron este martes en Santiago de Compostela
o proceso constituínte que van emprender e que dará paso á nova
organización estudantil galega que se presentará en marzo. Segundo
explican nun comunicado,
este é o derradeiro paso cara a unidade das tres entidades nunha “nova
organización do estudantado nacionalista galego” que procure un ensino
galego, popular, democrático, combativo e feminista.
Este proceso de unidade arrincou a mediados de
2015, cando estas tres organizacións estudantís galegas daban a coñecer o
proxecto de unidade orgánica e poñían en marcha as Asembleas de Base.
Organizando o estudantado galego, un proceso que tiña como finalidade a
constitución dunha nova e única organización estudantil galega. Como
explicaban as representantes sindicais en rolda de prensa esta mañá,
dende setembro creáronse asembleas de base en toda Galicia
para levar a proposta e os obxectivos aos e ás estudantes de todos os
recunchos de Galicia, co fin de “animalos a participar e a formar parte
do mesmo”. Así, e despois dun cuadrimestre de traballo coas bases e tras
varios meses de unidade de acción en xornadas de folga e outras
reivindicacións, o proceso constituínte culminará o 6 de marzo na Asemblea Nacional Constituínte,
data na que será presentada oficialmente a nova asociación, que como
explican os representantes do alumnado, será unha organización
“nacional, popular, feminista, asemblearia e combativa”.
No comunicado conxunto feito público polas tres
asociacións este martes, tamén perfilan as liñas estratéxicas da nova
estrutura estudantil, que pasa por seguir “loitando contra a Estratexia
Universitaria e o 3+2, por unha universidade única galega ao servizo das
estudantes, e non das grandes empresas; contra a LOMCE
e a españolización do alumnado, por un ensino galego, público e de
calidade; contra o adoutrinamento e o ensino patriarcal, o feminismo
como ferramenta. Desde a futura organización, loitaremos por un ensino
ao servizo do pobo e para o pobo”, conclúen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario