luns, 22 de febreiro de 2016

O Goberno galego lembra que a dixitalización do ensino chega a todas as aulas de 5º e 6º de Primaria, ESO e Bacharelato

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de completar o proceso de dixitalización de todas as aulas públicas dos cursos 5º e 6º de Primaria, 1º,2º,3º e 4º da ESO e Bacharelato. Así o fixeron saber estes dias os devanditos departamentos autonómicos, engadindo que grazas aos devanditos traballos, “120.000 alumnos e 6.000 aulas de preto de 900 centros públicos contan con, polo menos, un kit de aula dixital, composto por encerado dixital interactivo, vídeo proxector, computador portátil para o posto de profesor, ademais da conectividade da aula”.
A axencia AMTEGA, nun informe específico a xeito de reconto do recursos, servizos e equipamentos postos en xogo, engadiu que veñen de habilitarse 4.000 dos devanditos kits en 700 centros públicos, “a 70.000 estudantes”. Nesta actuación, explica a axencia que dirixe Mar Pereira, investíronse preto de 11 millóns de euros.
A segunda fase de dixitalización insírese no Proxecto Abalar, que como lembraremos desenvólvese dende 2010 con accións artelladas a través de catro eixes: a mellora da conectividade nos centro públicos de Galicia, a dixitalización das aulas coa dotación de kits de aula dixital, a transformación do libro en papel aos contidos dixitais con e-Dixgal e o desenvolvemento de ferramentas de comunicación entre os membros da comunidade educativa (espazoAbalar e abalarMobil).
Sobre a cuestión da conectividade, AMTEGA lembrou que nos últimos seis anos multiplicouse por dez a velocidade media de conexión á Rede dos centros públicos de Galicia, “que pasou de 5,36 a 58,65 Mbps”. A día de hoxe, engade a axencia, “máis de 370 centros dispoñen de conexión a Rede con velocidades superiores a 100 Mbps e chegarase a máis de 430 centros ao longo do 2016 (o 38% do total de centros públicos)”.
A maiores, cómpre lembrar que en decembro de 2015 asinouse un convenio con Ministerio de Educación e Red.es para dotar de conexión a 100 Mbps a todos os centros públicos ao remate de 2017. O acordo permitira un investimento do Estado de 17,1 millóns de euros aos que a AMTEGA sumará outros 2 millóns de euros.
Sobre e-Dixgal, recordar que se trata dunha plataforma de ensino virtual posta en marcha o curso pasado e dende a que se achegan contidos dixitais online e off-line, de balde para as familias. Segundo explica AMTEGA, neste curso 2015/16 traballan de xeito diario con contidos dixitais preto de 6.000 alumnos de 5º e 6º de educación primaria e 1º de educación secundaria, e máis de 1.000 profesores de 104 centros públicos e concertados, que contan todos eles con aulas Abalar cun ordenador por alumno. No vindeiro curso a previsión é que máis de 7.500 alumnos se beneficien de e-Dixgal.
Amais do devandito, impulsáronse ferramentas para facilitar a comunicación entre os membros da comunidade educativa como o portal espazoAbalar e a aplicación abalarMobil. O portal espazoAbalar permite ao profesorado e as familias comunicarse e acceder a información sobre a evolución dos seus fillos no centro dende calquera ordenador. A ferramenta abalarMobil permite facer ese seguimento dende un dispositivo móbil (dispositivo intelixente ou tableta) e a día de hoxe estase a empregar en 236 centros educativos de Galicia, beneficiando a máis de 10.000 profesores e preto de 90.000 alumnos e as súas familias. A aplicación está dispoñíbel para Android e iOS con preto de 20.000 descargas en 2015.

Ningún comentario:

Publicar un comentario