Outeiro de Rei acolleu a segunda edición do concurso de recitado Rosalia Sempre Viva. Centenares de persoas gozaron e reivindicaron cos versos de Manuel María e Rosalía.
Outeiro amañeceu frío, con neve nos arredores e mainas folerpas a caer sobre a Casa de Hortas. Mais axiña a calor da poesía fixo derreter a neve e os falares da Coruña, de Sada, de Arousa e de Rianxo, de Lugo, de Vilalba e de Cervo, de Bande ... e así até o medio cento de centros de ensino que encheron o auditorio da Casa Museo Manuel María.Era o segundo ano que se celebraba o concurso. Dividido en catro categorías, para estudantes de infantil, primaria e secundaria, en sesións de mañá e tarde, un a un ou en grupo, mais de 150 participantes trouxeron até Outeiro poemas de Rosalía porque os de Manuel María xa estaban alí. De Manuel, os mais recitados foron os que reivindican un idioma de noso, seguidos dos dedicados a Saleta; de Rosalía, a emigración, a falta de xustiza social, a reivindicación da muller ocuparon os primeiros postos.
Aplausos e nervios, algunha que outra repetición dun texto que o recitador, a recitadora, momentaneamente esqueceu pero ao que o xurado dá a oportunidade de relembrar con vigor.
Aplausos e nervios, algunha que outra repetición dun texto que o recitador, a recitadora, momentaneamente esqueceu pero ao que o xurado dá a oportunidade de relembrar con vigorRecitados formalmente impecábeis, clásicos; algunha dramatización con nariz de pallaso incluído para ambientar máis un poema como o Circo. Unha Negra Sombra que alterna unha estrofa cantada con outra recitada na voz dunha moza que acaba levando mención de honra. Centros que xa participaran o ano pasado e outros, a maior parte, novos. Así estaba Outeiro, xa sen neve pero cheo de poesía. E chegan as 19 horas e 30 minutos. É o veredicto final para un xurado que o tivo moi difícil. Moito.
Gañaron, na categoría 1 (Infantil, 1º e 2º de Primaria), o CPI de Xanceda (Mesía) cun recitado colectivo do poema O lobo de Manuel María; na categoría 2 (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) Lucía Ónega Santos, do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, co recitado do poema Galiza de Manuel María; na categoría 3 Irea Ferreiro López, do IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa co poema Por que? de Rosalía; e na categoría 4 (Bacharelato) María Camilla Beltrán Guzmán, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, co poema Verbas á miña nai de Manuel María.
Unhas gañaron; outros non. Mais todas, todos se sentían partícipes dun acontemento único: en Outeiro quen goberna é a poesía.Ademais, o xurado outorgou catro mencións honoríficas: ao grupo de alumnas/os do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo polo poema O arco da vella de Manuel María, ao CEIP Laverde Ruiz de Outeiro de Rei polo recitado do poema A lúa de Manuel María, a Carmen Peñalver Dequit, alumna do IES Xoán Montes de Lugo, polo poema Fun o domingo de Rosalía e a Teresa Elvira López Martínez, do IES Aquis Querquenis de Bande, co poema Negra sombra de Rosalía.
E o bon é que a organización anunciou a continuidade do concurso en 2017. Alá estaremos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario