martes, 9 de febreiro de 2016

Proposta de moción para todos os concellos galegos

A Mesa pola Normalización Lingüística remitiu a todas as organizacións políticas e Concellos de Galiza a seguinte proposta de moción para expresar o apoio á Carta Europea das Linguas e instar á Xunta a que cumpra coas súa obrigas en relación ao galego, nomeadamente eliminando as limitacións ao seu uso no ensino.
A Moción pódese descargar na seguinte ligazón: Proposta Moción Carta Consello de Europa

Arquivos anexos a descargar:

PROPOSTA DE MOCIÓN EN TODOS OS CONCELLOS DE GALIZA PARA O CUMPRIMENTO REAL E EFECTIVO DA CARTA EUROPEA DAS LINGUAS REXIONAIS E MINORIZADAS

O pasado 21 de xaneiro facíase público o 4º Informe de avaliación do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias[i], elaborado polo Comité internacional de expertos. Ao tempo, e baseadas neste informe, facíanse públicas as recomendacións do Comité de Ministros do Consello de Europa ao Estado español[ii].

Nestas recomendacións, o Comité de expertos e o Comité  de Ministros sinalan os aspectos que cómpre corrixir para o cumprimento efectivo das garantías que o Estado español e a propia Xunta de Galiza se comprometeron a cumprir ao ratificar a Carta en 2001,

O Concello/ Asociación/ Institución __________________ manifesta o seu compromiso coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, tratado internacional que  garante os dereitos lingüísticos, nomeadamente en relación á lingua galega como lingua propia e oficial de Galiza e

INSTA á Xunta de Galiza a:

– Cumprir con todas as recomendacións do Consello de Ministros e do Comité de Expertos do Consello de Europa, e exixir do Estado español a aplicación real dos seus compromisos en relación coa Carta, tal e como indica o Consello de Ministros.

– Dar os pasos necesarios para cumprir co sinalado na alínea 640 do informe que afirma que o decreto 79/2010 de plurilingüísmo contradí o estabelecido na Carta, e o punto 5º da resolución do Consello de Ministros, onde sinala que a introdución dunha terceira lingua no ensino non pode afectar negativamente á propia.

– Elaborar de maneira ampla e consensuada un novo decreto para o uso do galego no ensino, que atenda aos principios de normalización lingüística, e acorde co sinalado na Carta Europea.

– Que mentres non se elabora o novo decreto, modifique o actual derrogando os artigos que poñen límites ao uso do galego nas aulas, como as porcentaxes máximas de materias a impartir en galego nos centros e a prohibición de impartir na nosa lingua as materias científico-técnicas ou matemáticas.

-Garantir unha oferta ampla de liñas de ensino infantil en galego en todas as vilas e cidades.

[i] Texto na web do Consello de Europa (en inglés): http://www.coe.int/t/dg4/education/minlang/Report/E_Reports/SpainECRML4_en.pdf
[ii] Texto na web do Consello de Europa (en inglés): http://www.coe.int/t/dg4/education/minlang/Report/Recommendations/SpainCMRec4_en.pdf

Ningún comentario:

Publicar un comentario