O 27 de marzo de 2015, dous meses antes das eleccións municipais, a daquela Consellería de Economía e Industria -tamén competente en materia de Emprego dende a última remodelación- asinou convenios de colaboración con catro editoras de diarios impresos para comprometer a publicación de contidos sobre a súa actividade ata finais de ano. Estes acordos, habituais neste departamento, difiren dos anteriores por ter maior concreción, chegando a especificar o xénero xornalístico co que se abordarán as novas pactadas e o número das mesmas.
O convenio de maior contía foi asinado con La Voz de Galicia por 114.802,84 euros "para elaborar e publicar información relacionada con estratexias, programas e iniciativas da Consellería que resulten de interese para a cidadanía". Implicou a elaboración dun "mínimo de cinco monográficos Obxectivo Emprende" ou, no seu defecto, "cinco reportaxes en materia de emprendemento, internacionalización e innovación" vinculados ao labor do Goberno.
Estes acordos difiren doutros anteriormente asinados pola mesma Consellería en que desta volta se especifica a cantidade de reportaxes ou entrevistas a realizar sobre a súa actividadeNunha liña semellante, Industria acordou a publicación de "texto, monográficos ou gráficos" nun "mínimo de 3 reportaxes ou entrevistas en materia de innovación, internacionalización ou eficiencia enerxética" no Faro de Vigo. Este convenio, no que se incluíu a "organización dun foro con empresarios sobre un tema de interese económico e empresarial coorganizado pola consellería", financiouse con 59.781 euros. A continuación en importe situouse o convenio asinado con El Progreso, diario no que, por 27.034,83 euros, o Goberno conveniou a publicación dun "mínimo de 10 reportaxes ou entrevistas" vinculadas á Consellería.
Tanto o actual Goberno como o bipartito comprometeron pero non cumpriron regular por lei a relación cos medios de comunicaciónO paquete de acordos completouse co asinado coa Editorial Compostela, editora de El Correo Gallego, que por 11.803,94 euros pactou a publicación de "3 páxinas de información sobre estratexias, programas e iniciativas" da Consellería. No mesmo convenio inclúese a organización dun "foro empresarial sobre a Industria 4.0" e a "organización e emisión dun programa de debate sobre un tema de interese económico e empresarial" na canle de televisión do grupo.
Aínda que estes acordos se remontan á primavera de 2015 veñen de ser incorporados hai escasas datas ao rexistro público de convenios, creado e mantido ao abeiro da lei de transparencia do ano 2006. Como informou Praza Pública, este rexistro estivo sen ser actualizado dende abril do ano pasado, un freo na información que o Goberno galego atribúe a carencias de persoal.
Investigación xudicial en Euskadi
Unha práctica semellante en Euskadi desembocou no coñecido como 'caso Noticias'A inserción de información pagada nos medios de comunicación, figura diferente á do patrocinio ou á dos espazos publicitarios, chegou a Galicia 'importada' nos anos 80 dende Euskadi, toda vez que o Goberno galego da época imitou as prácticas que na altura xa despregaba o PNV. En Euskadi, precisamente, estes pagamentos a cambio de información están baixo a lupa da Xustiza a raíz dunha denuncia do deputado de UPyD no Parlamento vasco, Gorka Maneiro, que desembocou no que xa é coñecido como 'caso Noticias', en referencia ao grupo informativo co que o Executivo peneuvista pechou boa parte destes acordos.
Como veu informando eldiarionorte, unha das primeiras consecuencias políticas deste caso foi a dimisión do xefe de prensa do lehendakari en outubro de 2015 tras ser citado en calidade de imputado. Na súa declaración ante a xuíza, esta mesma semana, o exdirector de comunicación argumentou que os acordos implicaban patrocinios legais, e non publicidade gobernamental encuberta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario