En 19 das 53 comarcas nas que se divide Galicia o peso da agricultura, a
gandaría e a pesca na xeración (directa) de emprego é aínda moi
significativa, superando o 15% dos traballadores e traballadoras.
Son
a excepción, nun país no que o sector primario xa só ocupa o 6,4% dos
afiliados e afiliadas á Seguridade Social, cun peso laboral decrecente,
dende as 76.109 persoas de xuño de 2009 ata as actuais 59.095. Este descenso produciuse sobre todo na agricultura, gandaría, caza e silvicultura, sectores que
segundo os datos da EPA
pasaron de ocupar 71 mil persoas en 2009 a tan só 45 mil na
actualidade. Pesca e acuicultura resistiron algo mellor, cun descenso
moi leve: de 24 mil a 20 mil.
Porén, en moitos concellos e comarcas enteiras a agricultura, a
gandaría, a silvicultura, a pesca e o marisqueo dan traballo
directamente a unha parte moi importante da poboación ocupada, superando
en moitos casos aos empregados e empregadas da industria e a
construción. Uns empregos directos aos que, ademais, hai que engadir
case sempre unha gran cantidade de empresas e establecementos
comerciais, que lle dan servizo a esas actividades.
A agricultura e a gandaría roldan o 30% na Fonsagrada, Meira e Os Ancares,
e superan amplamente o 20% en Xallas, Chantada, A Ulloa, Sarria, Terra
Cha, Melide ou Arzúa. A pesca, pola súa banda, supera o 15% no Barbanza,
e supera o 10% en Muros, Noia e O Salnés, achegándose a esa porcentaxe
no Morrazo, Fisterra e A Mariña Occidental
Comarcas industriais
A industria ocupa ao 13,8% dos traballadores e traballadoras galegas,
dous puntos por debaixo do 15,8% que representaba o sector en 2009.
Determinadas comarcas superan amplamente esa porcentaxe, destacando
nelas o peso do sector industrial. Entre elas non están as grandes
cidades, senón que
están encabezadas por Valdeorras (27,3%), Caldas (22,7%),
O Condado (21,8%), O Sar (21,8%), O Baixo Miño (19,3%), Bergantiños
(19,2%), O Ribeiro (18,8%) e Ordes (18,4%). Só despois aparece Vigo
(17,9%).
O sector servizos, absolutamente maioritario, sobre todo nas cidades
É no sector servizos onde sobresaen as comarcas urbanas, cada vez máis terciarizadas.
Os
servizos dan traballo a 72 de cada 100 ocupados e ocupadas en Galicia,
unha porcentaxe que dende o 2009 non fixo máis que crecer (dende o 65%
que rexistraba daquela). Santiago (84%), A Coruña (82,5%),
Pontevedra, Ourense, Lugo, Vigo e Ferrol (por esta orde) son as comarcas
nas que o sector terciario é máis importante, situándose por riba da
media e por diante de Terra de Lemos, Verín e O Carballiño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario