COORDINADO POR CRISTINA BAJO
O monográfico desta semana aborda a educación en igualdade desde distintas perspectivas. Coordinado por Cristina Bajo, o A FONDO, que xa está dispoñíbel na loxa, trata de fornecer as claves para dilucidar que pode facer cada un e cada unha de nós, de maneira individual e colectiva.
O A FONDO número 132, xa á venda na loxa, analiza o reto de educar en igualdade. “Como poderíamos desenvolver a igualdade nas propias casas, nos espazos onde participamos, nas nosas profesións? Pensamos que xorde de maneira espontánea? É cuestión de coñecemento, vontade e dotación das ferramentas necesarias por parte das administracións”, apunta Cristina Bajo, coordinadora deste A FONDO, que é consultora de Xénero e integrante de varios grupos de acción feminista.En “A educación non feminista é irremediabelmente machista”, Andrea Souto, estudante da UDC, explica por que a violencia contra as mulleres nunca sería concibíbel de non ser pola súa subordinación fronte aos homes, “producida e reproducida polo patriarcado”. A autora presenta a súa análise sobre o feminismo en base á súa experiencia como estudante.
Ana María García, asesora legal e consultora, tamén xerente da consultora Femlegal, especializada en xénero, expón en “Inquietudes educativas dunha nai feminista”, a súa perspectiva como nai que acredita en que o xerme para o cambio se atopa na escola xeradora de conciencia crítica e tamén na casa.
A continuación, Cristina Bajo, que tamén imparte formación e conferencias sobre Igualdade, entrevista Cristina Villar, doutora en Ciencias do Deporte e profesora na UDC. Na conversa, a entrevistada, experta en Igualdade e Sufraxismo, aposta en introducir a perspectiva feminista en calquera ámbito. Botando man da súa experiencia como profesora universitaria, Cristina Villar apunta como unha das dificultades para educar en igualdade as miles de mensaxes regresivas que reciben cada día todos os rapaces e rapazas.
“Mentres tanto, educación crítica” é o artigo de análise de Carmen Galdón Corbella, socióloga experta en feminismo, que dá conta da importancia dos axentes socializadores na creación da conciencia de xénero, nomeadamente, da familia.
Ademais, Sabela Pérez, profesora feminista xubilada, pon de manifesto en “Como educar en valores igualitarios” abre o debate sobre o enfoque dos contidos curriculares na escola coa implicación de toda a comunidade educativa.
Por último, Cristina Bajo fecha como coordinadora este A FONDO coa peza de conclusión “Desde Rousseau á Lei Wert. Cara a onde vai a educación en igualdade?”
Ningún comentario:
Publicar un comentario