martes, 9 de febreiro de 2016

Quintuplícanse en cinco anos as solicitudes de axuda á investigación en galego

As axudas para a investigación en lingua galega nnaceron co obxectivo de fomentar o uso do idioma propio nun dos eidos universitarios con menos presenza, o da investigación. O sistema centralizado de avaliación, a globalización da ciencia e os atrancos burocráticos frean a moitos investigadores e investigadoras que pensan en redactar e publicar os seus traballos en galego. Con esta convocatoria de axudas, as universidades galegas, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, tratan de incentivar e visibilizar o galego nas teses de doutoramento, traballos fin de grao, etc. A evolución das solicitudes amosan a boa aceptación destas axudas, pasando de 40 en 2010 a 210 en 2015, o que significou triplicar tamén a contía económica total das convocatorias, que pasou de 5400 euros a 14.000 en cinco anos.
Na convocatoria de 2015, que se vén de resolver, concedéronse 210 axudas, das cales sete corresponden a teses de doutoramento. O resto son para proxectos fin de carreira (18), traballos fin de grao (111) e traballos fin de mestrado (74). As cifras amosan unha elevada presenza de traballos fin de grao, obrigatorios coa implantación do EEES, pero tamén reflicten que nas etapas formativas superiores a presenza de traballos en galego é menor.
Os analistas observan un efecto ‘autocensura’ á hora de publicar investigación en galego
A pesar dos avances, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística está a traballar en propostas para darlle pulo ao uso da lingua galega no ámbito da docencia a investigación e dotala de prestixio. As medidas propostas xorden do estudo realizado pola profesora da USC Alba Nogueira en 2013 de diagnose do emprego do galego como lingua científica, que conclúe que a súa presenza é moi inferior á que lle correspondería como lingua normal da sociedade galega. O responsable da ANL de Vigo lembra que a pesar dos atrancos para publicar investigación en galego, “percibimos como a xente está formada, non ten especiais dificultades en realizar os traballos en galego, séntese cómoda, sobre todo se xa tivo a desenvoltura no ensino medio” e nese proceso é fundamental “o ambiente e a disposición aberta ou colaboradora por parte do profesorado”. Pero as barreiras aumentan a medida que a investigación está nun nivel superior, como as teses de doutoramento, cuxo número en galego segue a ser baixo. Paulo Cabral recoñece que cando un investigador “dedica tanto tempo e esforzo a un traballo procura o maior impacto” e en determinadas disciplinas do ámbito científico-tecnolóxico prefiren presentar o traballo en inglés ou castelán “aínda que o resultado ou o obxectivo estea destinado a un aspecto referido ao ámbito local (marisqueiro, agropecuario, forestal, publicitario, empresarial…)”. Considera que existe unha “desincentivación, un efecto de autocensura” xa que se pode optar por redactar e presentar un traballo en galego e reproducilo nun soporte multilingüe. “Non ten sentido desbotar o galego, pero hai inercias e prexuízos que continúan a pexar a nosa lingua, tamén, ou sobre todo, no ensino superior e na investigación”.
Máis información no seguinte enlace:
http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=10908&Itemid=55

Ningún comentario:

Publicar un comentario