A sede do Consello
da Cultura Galega acolleu onte unha completa sesión de relatorios e
debates sobre Galicia na Internet. Tratáronse temas como a linguaxe
multisensorial, a renovación dos procesos editoriais, as novas
formas de contar e, por suposto, a necesidade de seguir
construíndonos como pobo cunha cultura propia ao abeiro da Sociedade
da Información. Falaron expertos na materia como por exemplo Ramón
Salaverría ou Mario Tascón. A
xornada Desafíos
para a cultura galega no escenario interactivo da Sociedade en Rede
veu da man do CCG e máis
polo miúdo de Xosé López, Francisco Campos e Manuel Gago. No
encontro fíxose un chamamento a prol de “empregar novas linguaxes
e novas narrativas para situarnos na Internet”.
Segundo nos conta o CCG, o encargado de abrir as
sesións foi o catedrático da Universidade de Málaga, Juan Antonio
García Galindo, quen achegou unha reflexión sobre o espazo e o
tempo na sociedade actual. Para García Galindo cómpre “repensar o
papel das tecnoloxías con enfoques menos compracentes e restándolle
un papel prioritario, máis centrado no uso que o soporte”.
Logo, Ramón Salaverría fixo un percorrido polo panorama actual
da comunicación, “esta transformación do xornalismo tal e como o
comprendemos hoxe”. Na súa opinión o futuro está marcado por
cambios en dous planos: o tecnolóxico e o narrativo. Con respecto ao
primeiro aspecto, sinalou que “estaremos rodeados de pantallas nas
que se cruzarán todos os datos”. No que atinxe á narrativa,
Salaverría defendeu un relatorio no que os medios de comunicación
mudarán a forma de transmisión de contidos: “Serán
multisensoriais, estarán influídos pola realidade virtual e a
robotización”. Ao seu xuízo, isto significará unha evolución
nos procesos editoriais nos que a figura do xornalista, lonxe de
desaparecer, mudará e dará paso a novos perfís profesionais.
Pechou a sesión da mañá Carlos Elías, da
Universidade Carlos III de Madrid, quen incidiu na importancia de ir
ao miolo da información e de amosar xeitos eficaces de facelo. Tamén
aproveitou a ocasión para destacar o contexto no que se insire un
coñecemento concreto. Na súa opinión, termos acceso aos datos é
importante, pero tamén é relevante a súa compilación, “xa que
estes por si sós non din nada”.
Pola tarde, Rosa Franquet, da Universidade Autónoma,
achegou conceptos e recursos sobre como situarmos a nosa identidade
propia no marco do novo escenario cultural. Segundo fixo saber, “as
tecnoloxías son ferramentas de empoderamento da cidadanía”, que
permiten introducir contidos que se diferencian dos establecidos
polos grandes conglomerados empresariais.
Pechou o evento Mario Tascón, consultor experto en
redes sociais, que ofreceu un relatorio sobre as mudanzas do proceso
comunicativo e como iso condiciona a creación de contidos, a
diversidade e a identidade na sociedade interconectada. Tascón,
segundo lembra o CCG, explicou que os medios son “cada vez máis
diverxentes, nos que hai unha evolución dos formatos e nos que mudou
a cadea de fabricación”. E engadiu: “O esquema comunicativo
formado por un emisor e un receptor está obsoleto, agora a estes
dous axentes hai que engadir tamén as máquinas, os algoritmos”.
Ao seu xuízo, a comunicación flúe agora dun xeito diferente e os
profesionais do xornalismo deben comprender como se distribúe agora
e chega canda nós, deben actualizarse e a apelar á creatividade e á
innovación “como valores esenciais para revitalizar a profesión”.
A xornada do CCG sitúase, en palabras da
organización, “nunha liña de traballo que incita á reflexión
sobre a situación actual e que procura dar claves para que os
actores culturais teñan unha maior incidencia social e consigan unha
maior eficiencia”. Baixo este paraugas organizáronse xornadas como
Cultura e comunicación no século XXI ou Xogar coa
cultura, entre as máis recentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario