A Universidade de Vigo acolle unha nova edición deste hackatón no que participan máis de mil estudantes de vinte universidades de toda España.
Crear aplicacións que axuden a mellorar o mundo a través do uso de datos xerados na contorna dixital, usando o chamado Big Data. Este é o obxectivo xeral do HackForGood, un hackatón que terá lugar no campus universitario de Vigo os días 25, 26 e 27 de febreiro, datas nas que se celebrará simultaneamente en 14 sedes coa participación de preto de mil estudantes de 20 universidades de toda España.Esta será a 4º edición do HackForGood, a segunda consecutiva na que este encontro de programadores organizado por Telefónica se celebra en Vigo. A primeira parte do evento, denominada Startups University Day, terá lugar de forma simultánea en cada unha destas catorce sedes. Nel presentaranse as mellores prácticas de emprendemento en cada unha das 20 universidades participantes. Posteriormente haberá unha presentación global por videoconferencia con conexión de todas as sedes e, na segunda parte do evento, os equipos desenvolverán aplicacións e solucións a unha serie de retos, valorándose a formación de grupos multidisciplinares que inclúan todos os perfís necesarios para o desenvolvemento de servizos e aplicacións, é dicir, estudantes dos eidos de enxeñaría, deseño, informática, socioloxía, emprendemento, etc., informa M. Del Río do DUVI.
As aplicacións deseñadas responderán aos retos que tanto a organización como calquera outra persoa poden propoñer a través da páxina web do HackForGood. Entre os temas xa sinalados destaca a creación dunha aplicación que a partir das fontes de datos abertas dos concellos facilite á cidadanía o goce dunha cidade mellor; o desenvolvemento dunha lonxa de produtos de agroecoloxía; o deseño dunha aplicación móbil para conectar a persoas que queiran facer voluntariado coas necesidades das entidades sociais ou a posta en marcha dun sistema para reducir a contaminación atmosférica nas cidades.
Premios
Entre as mellores aplicacións elixiranse os equipos gañadores, que se repartirán 12.000 euros en premios para as mellores aplicacións estatais e catorce premios de 2.000 euros, un por sede, para as mellores aplicacións locais.
Os premios temáticos consisten en 8.000 euros para as mellores aplicacións que resolvan retos relacionados coa educación e a discapacidade intelectual así como para aqueles que se baseen no uso de xogos serios ou que teñan o mellor deseño.
Os premios de continuidade, que permitirán aos equipos seguir co desenvolvemento das aplicacións cando remate o evento, ofrecerán formación personalizada, mentorización específica e financiamento adicional. Para iso haberá un premio Think Big local en cada sede HackForGood que consistirá nunha fin de semana formativa en emprendemento social e a posibilidade de pasar ao nivel 2 do programa Think Big de Fundación Telefónica. Entre todos os gañadores locais elixirase o gañador nacional, que será premiado cun pase directo a este nivel 2 de Think Big.
Por outra banda, os premios Telefónica Open Future–HackForGood repartirán tres galardóns globais que permiten o uso da rede de espazos de crowdworking de Open Future e unha mentorización personalizada que facilite que a idea orixinal e o prototipo evolucionen cara unha startup. A organización tamén outorgará os premios multisede aos equipos con membros de varias cidades (3.000 euros á mellor aplicación multisede) e os premios formativos, que ofrecen bolsas completas para mestrados en dirección de empresas e en sistemas de información.
Todos os equipos gañadores formarán parte do ecosistema de emprendemento de Telefónica Open Future e así poderán dar continuidade ao seu proxecto e beneficiarse dos programas da compañía de formación e mentorización, e conseguir financiamento adicional, informa a universidade viguesa.
Gañadores da fase viguesa en 2015
O obxectivo das cátedras Telefónica que participan no HackForGood, entre elas a de Vigo, é crear valor social para o futuro, facilitar un marco para madurar os proxectos e as ideas e dar visibilidade ao talento. Na pasada primavera, cando se celebrou o HackforGood en Vigo por primeira vez, participaron unha trintena de estudantes, principalmente da enxeñarías. Desta fase local resultaron gañadores cinco proxectos, sendo o primeiro premio para Pulsafe, unha aplicación pensada para o seguimento activo da saúde das persoas. O segundo premio foi para Sanet, aplicación centrada en mellorar a relación médico-paciente e centralizar a información sanitaria. Anciáns SOS foi escollida como terceiro premio, unha aplicación destinada a persoas maiores que viven soas, e que permite realizar un seguimento do seu estado. O premio Think Big Vigo outorgouse ao proxecto GreenScouter, unha plataforma para localizar rutas limpas, utilizando datos de tráfico e de contaminación do aire e o premio Open Future Vigo foi para o proxecto Espectrofotómetro, dirixido a detectar contaminantes na auga.
HackForGood está impulsada pola Escuela Técnica Superior de Telecomunicación da Universidad Politécnica de Madrid; a Fundación Hazloposible e a startup MashmeTV, e conta co apoio da Rede de Cátedras Telefónica, entre as que se atopa a da Universidade de Vigo. HackForGood premiará os equipos que desenvolvan as mellores aplicacións tecnolóxicas en Vigo, Madrid, Barcelona, Valencia, Alicante, Murcia, Ciudad Real, Sevilla, Málaga, Las Palmas de Gran Canaria, Cáceres, Salamanca, Valladolid e León.
Ningún comentario:
Publicar un comentario