A psicóloga María
Martiña Eslava vén de presentar no Campus de Ourense unha
investigación pormenorizada sobre as cousas que condicionan a
aprendizaxe preescolar. Como era de agardar, o estudo pon de
manifesto a importancia da familia na primeira nenez, que é a
influencia máis directa e importante no desenvolvemento das nenas e
nenos, xunto cos primeiros pasos na escola. Porén, existen unha
serie de factores que se afianzan cada vez máis e son factores que
teñen que ver, de maneira directa, coas novas tecnoloxías da
información. Máis en detalle, co acceso a Internet.
Na súa tese de
doutoramento, a investigadora avaliou ao detalle as variábeis de
carácter contextual familiar que interveñen e/ou condicionan o
desenvolvemento e a aprendizaxe adquiridos polo alumnado de tres a
seis anos, salientando o papel que xogan os estudos e nivel
profesional dos proxenitores e o acceso a Internet. “A clave última
é a creación de contornas estimulantes para o neno ou nena, espazos
compartidos nos que poidan adquirir habilidades que logo lles levarán
a adquirir máis habilidades”, sinala a investigadora, cuxo
traballo foi dirixido por Manuel Deaño e Sonia Alfonso e presentado
na Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense co título
Contornas familiares e aprendizaxe preescolar.
O estudo, cuxa orixe
está nunha arela de reducir os atrancos no ensino derivadas da
desigualdade, parte do obxectivo de afondar nos factores de
proximidade que causan impacto no desenvolvemento do neno durante os
primeiros anos de vida, como son os relativos á contorna e
características familiares. Isto materializouse en tres estudos
empíricos realizados con máis de 400 nenos e nenas de tres a seis
anos de diferentes puntos de Galicia. Eslava Nodar salienta ao fío
dos resultados que “conforme ao esperado, as habilidades básicas
para a aprendizaxe formal adquírense pola influencia conxunta das
variábeis da experiencia obtida no curso e o nivel de estudos do pai
e da nai”. Segundo engade, resulta fundamental para a aprendizaxe
na nenez a creación de “contornas cognitivas estimulantes”,
experiencias compartidas entre os nenos e nenas e os proxenitores,
como o xogo, as conversas, a lectura compartida, actividades de lecer
ou o uso de Internet e as novas tecnoloxías da información. “Estas
formas son as que contribúen ao desenvolvemento das súas
habilidades, como o desempeño verbal e a alfabetización”,
explica, engadindo que o acceso a Internet é unha influencia
“significativa” de cara as cualificacións escolares. “Ter
acceso a Internet no fogar supón unha maior puntuación nas
habilidades preescolares dos nenos e nenas, fronte aos que non
dispoñen deste recurso na súa casa”, afirma.
A importancia do
devandito resultado, indica a investigadora, está en que “subliña
a existencia dunha fenda dixital para a escolaridade, dado que case a
metade dos fogares non dispoñen deste acceso á Rede”. E engade:
“Hoxe en día sabemos que Internet intervén no desenvolvemento da
vida familiar, modificando hábitos e costumes dos membros que a
compoñen, se ben fica pendente moito por coñecer sobre como afectan
eses cambios ao desempeño académico dos fillos e/ou como utilizar a
Rede para potenciar os logros educativos”. Na súa opinión, o uso
de Internet e as TIC ten sido interpretado a estas idades como un
lugar común de participación de pais e fillos, “uns recursos que
permiten aos proxenitores desenvolver actividades estimulantes que
potencian o desenvolvemento e a aprendizaxe dos menores, creando
contornas nas que os nenos e nenas se senten implicados activamente e
onde as tarefas que se levan a cabo teñen sentido para eles”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario