Falta de espazo, de privacidade, de seguridade e de prevención de riscos laborais. Estas son algunhas das queixas dos traballadores do Servizo Público de Emprego, que se preguntan que fai a Xunta co diñeiro que recibe de Madrid.
Os traballadores da Administración do Estado en Galicia alertan das “condicións lamentables” do Servizo Público de Emprego (SEPE)
no país. Os funcionarios pregúntanse ademais a onde están indo as
millonarias transferencias que recibe a Xunta para modernizar estas
oficinas. Cómpre ter en conta que se trata dun servizo fundamental
nestes tempos, pois é o encargado de xestionar as prestacións e axudas
para desempregados.
A denuncia pública de hoxe explica que a Administración Autonómica
recibiu de Madrid 53 millóns de euros na última década para mellorar
estas oficinas. Malia isto, os empregados públicos en “condicións
pésimas”. Por exemplo, en Carballo, onde ter que atender o público de lado nas mesas debido o limitado espazo.
Os Órganos de representación da Administración Xeral do Estado (Xunta
de Persoal e Comité de Empresa) denuncian que isto provoca “falta de
confidencialidade na atención a desempregados que teñen datos que se
esixe un tratamento cunha especial protección, como poden ser as vítimas de violencia de xénero e os demandantes excarcerados”.
Outro problema é a ausencia de vixilancia. Debido a situación
económica, é previsíbel que nas oficinas se produzan conflitos pola
tramitación das axudas, que en moito casos constitúen o único ingreso
para as familias. Malia isto, en Galicia non existe ningunha oficina que dispoña de seguridade “a pesar das agresións verbais e a veces físicas que sofren os traballadores”.
Segundo os empregados públicos, na maior parte das Oficinas de Emprego
fóra de Galicia teñen gardas de seguridade. En Galicia tiveron que
denunciar a súa ausencia ante Inspección de Traballo, que requiriu
seguridade privada, sen que a Administración a contratase. A isto, hai
que engadir o “reiterado incumprimento da normativa de prevención de
riscos laborais” nas oficinas de Santiago Centro, Monelos e Tornos da Coruña e Esteiro en Ferrol.
“Onde van os millóns e millóns de euros destinados a cumprir coa
modernización que dicían as sucesivas Ordes Ministeriais?” pregúntanse
os empregados do SEPE. Os funcionarios levan anos alertando dos
millonarios investimentos do Ministerio e da Xunta en servizos
auxiliares privados, mentres non se atenden as reivindicacións do cadro
de persoal que ten que dar a cara cando os cidadáns van a tramitar as
súas prestacións.
Ademais, cómpre lembrar que a eficiencia deste departamento está lastrada pola división burocrática aínda vixente.
Así, por exemplo, cada novo desempregado primeiro ten que tramitar o
recoñecemento da súa condición de parado ante o Servizo Público de
Emprego de Galicia, que depende da Xunta. A continuación, se quere
cobrar, debe comezar a burocracia de novo ante o Servicio Público de
Empleo Estatal (SEPE). Os dous servizos acostuman compartir espazo
físico pero as súas aplicacións informáticas e axendas non son comúns,
duplicándose esforzos e incrementando o tempo necesario para solventar o
‘papeleo’.
Ningún comentario:
Publicar un comentario