Unha tese da USC constata as carencias de docentes e alumnos no ensino da pronunciación do inglés e propón guías pedagóxicas que poñan a énfase tanto na percepción como na produción da lingua oral inglesa.
A expresión oral do inglés, e máis particularmente a pronunciación, é o talón de Aquiles
para o alumnado galego e para os seus profesores. Un talón de Aquiles
que, con todo, non son capaces de solventar as medidas postas en marcha
pola Xunta de Galicia para poñer este idioma ao mesmo nivel que o galego
no ensino a través do chamada lei do plurlingüismo.
Esta dificultade estriba, sobre todo, nas grandes diferenzas que hai
entre os sistemas fonolóxicos entre o inglés, o galego e o castelán.
Pero lonxe de se pór a atención neste aspecto á hora de ensinar este
idioma, semella que continúa a ser infravalorado non só nas clases senón tamén nos libros de texto.
Así o constata a filóloga Yolanda Joy Calvo Benzies na súa tese
doutoral merecedora de sobresaliente cum laude con mención
internacional.
Yolanda Joy enquisou para o seu traballo un total de 1.170 estudantes
de inglés en Galicia e 254 docentes galegos e doutras comunidades
autónomas. “Tanto uns coma outros coinciden en que o tempo dedicado ao ensino da pronunciación nas súas clases é claramente insuficiente;
as actividades propostas non sempre lles axudan a mellorar e os seus
libros de texto inclúen moi poucos exercicios de pronuncia, que
xeralmente seguen un formato repetitivo e aburrido”, explica.
E é que tampouco os materiais educativos axudan a subsanar estas
carencias lingüísticas. Na maior parte dos 30 libros de texto analizados
na tese atopáronse exemplos de actividades co formato de escoita e
repetición ou de discriminación entre sons ou oracións. “Noutras
palabras –afirma con rotundidade a filóloga–, os libros de texto de
inglés utilizados en España continúan ensinando a pronunciación dunha forma tradicional e pouco comunicativa”, sinala.
Neste senso, a investigación doutoral propón unhas guías pedagóxicas
que recollen actividades onde a énfase está tanto na percepción como na
produción da lingua oral e nas que o formato é máis atractivo e
motivador que os actuais. Entre elas, adaptar as rúas de Monopoly con
certos sons do inglés; crear preguntas sobre vogais, consoantes,
variedades do inglés ou acentuación no Trivial; cambiar o nome das
posibles armas utilizadas en Cluedo; ou crear pequenos canles de
televisión ou radio exclusivamente nese idioma, por exemplo.
Para a doutora en Filoloxía Inglesa, é preciso que se comece a traballar nestes cambios canto antes. “Sabemos que a mellor idade para aprender un idioma é desde os 0 ata os 9 anos.
Por iso é fundamental que os profesores de Educación Infantil e
Primaria sexan os primeiros en poñer unha énfase especial no ensino da
destreza oral e facer que os nenos e nenas se afagan a falar na lingua
estranxeira, deixando de lado todo tipo de vergoña e medo”, conclúe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario