Aínda que o acto académico de homenaxe terá lugar o 8 de outubro (coincidindo coa data de nacemento do Padre Feijoo), as actividades de difusión e divulgación sobre a figura de Ribas, estenderanse desde este primeiro trimestre do ano, coa colaboración das institucións científicas vinculadas ao investigador e da Fundación Barrié. Como sucede en moitos dos científicos e científicas homenaxeados pola RAGC, Ribas -artífice do despegue da química orgánica en Galicia- é unha persoa moi coñecida e respectada no seu campo (o Colexio Oficial de Químicos de Galicia púxolle o seu nome aos seus premios anuais), pero moi pouco no conxunto da sociedade. Unha boa oportunidade, pois, para achegarse a unha figura cun grande interese para a historia de Galicia no século XX e ao propio ámbito da química.
Formado en Valencia, Madrid e París, foi discípulo do prestixioso Antonio Madinaveitia, o seu director de tese. Catedrático dende os 27 anos, afincouse en Salamanca onde, por exemplo, foi testemuña directa do coñecido enfrontamento verbal no Paraninfo da Universidade entre o falanxista Millán Astray e Miguel de Unamuno, de quen era amigo persoal. Ribas era militante de Izquierda Republicana (o número 104, exactamente), pero o feito de ser un home moi querido e respectado en Salamanca levou a que fose depurado sen máis consecuencias persoais. Moitos dos seus colegas decidiron exiliarse, e Ribas quedou sen a praza na Cátedra de Química na Universidade de Madrid, que foi parar a unha persoa afín ao réxime. Con todo, atopou un lugar en Compostela, na cátedra de química orgánica e bioquímica da Universidade de Santiago, na que permaneceu ata a súa xubilación en 1971.
Coñecía xa Galicia con anterioridade, onde trabara boa amizade con Fernando Calvet, que fora represaliado polo seu galeguismo. Precisamente Calvet introduciuno no estudo do cornecho e as súas propiedades. Ignacio Ribas foi quen de desenvolver a partir del produtos com aplicacións médicas como facilitadores da expulsión da placenta e para evitar o sangrado despois do parto. Ribas, un traballador incansable, desenvolveu multitude de produtos naturais procedentes de prantas autóctonas, poñéndoas en valor. Por exemplo, a partir de cortiza das árbores obtivo substancias con aplicacións na industria da perfumería. E tamén investigou a hormona xuvenil dos insectos, co obxectivo de desenvolver un insecticida ecolóxico. De igual xeito, a xesta, a carqueixa ou o codeso permitíronlle obter substancias aínda non coñecidas que el bautizou con nomes tan curiosos como orensina, pontevedrina, coruñina ou santiaguina.
"Non había recursos para traballar; necesitabas reactivos e tiñas que pedilos ao estranxeiro e podían tardar tres ou catro meses en chegar. En parte por iso comezou a traballar coas plantas", destaca Luis Castedo, un dos seus discípulo e, ademais, casado cunha das súas fillas. Castedo destaca que Ribas "era un home raro, gustáballe demasiado o que facía e volcábase niso. E exixíanos aos seus discípulos e alumnos o mesmo compromiso. Dicía que un químico tiña que traballar coma un obreiro".
Pediu xa dende os anos 20 e 30 que se aumentase o gasto en laboratorios e bolsas para os investigadoresTamén subliña a importancia que xa neses anos lle concedía á investigación: "non entendía a docencia sen a investigación". En efecto, ademais do elocuente discurso en Salamanca, xa referido, noutros momentos defendeu que a investigación era o mellor método de ensino da química e denunciou o estado das universidades españolas, ás que acusaba de ser meras fábricas de títulos, “pobrísimas en produción científica”. Igualmente, pediu xa dende os anos 20 e 30 que se aumentase o gasto en laboratorios e bolsas para os investigadores. Fomentou tamén a relación entre investigación e empresa, e a transferencia de coñecemento, promovendo que boa parte dos 68 alumnos e alumnas ás que dirixiu as súas teses entrasen nalgunha das empresas do sector, comezando pola galega Zeltia, hoxe Pharmamar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario