Até 20 investigadores e
técnicos (enxeñeiros industriais, agrónomos, topógrafos e de
montes, arquitectos, aparelladores, así como licenciados e titulados
en Xeografía e Historia, Ciencias Química e Belas Artes)
participaron
a pasada fin de semana nun curso sobre modelado e impresión 3D
desenvolvido no Campus de Lugo. Os alumnos, procedentes de
ámbitos ben diversos (rehabilitación, docencia escolar e
universitaria e investigación) desenvolveron as distintas accións
formativas e prácticas programadas cun software gratuíto
previamente instalado nos seus respectivos computadores portátiles.
Segundo informa a
Universidade de Santiago (Campus de Lugo) a temática das primeiras
sesións desta actividade formativa estivo centrada no modelado 3D a
partir de fotografías, láser escáner ou de software de debuxo en
3D, e cada un dos participantes elaborou o modelo 3D virtual dunha
goma de borrar tallada. A edición do modelo virtual elaborado ocupou
a a segunda xornada do curso desenvolvido no edificio Cactus do
Campus de Lugo.
Na xornada de clausura,
as persoas inscritas tiveron a ocasión de imprimir o seu modelo 3D
personalizado nunha das impresoras postas á súa disposición polos
organizadores da acción formativa. Os participantes puideron levar
así tras o traballo realizado: a goma tallada orixinal, o modelo 3D
virtual elaborado co seu nome en relevo e a reprodución final
impresa.
A primeira edición desta
actividade é unha acción formativa promovida polo grupo USCAN3D da
USC que contou coa colaboración da empresa tecnolóxica BQ e o
Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia. Lembrar que o
grupo USCAN3D ten sede na Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo
e está especializado en modelado 3D, ademais de ser o responsábel
da organización do campionato mundial en liña para escolares
D3Mobile Metrology World League.
Ningún comentario:
Publicar un comentario