martes, 9 de febreiro de 2016

O risco de pobreza duplicouse nas persoas mozas de Galiza durante a crise

A taxa supera o 19% entre os xóvenes de 18 a 34 anos cando en 2007 esta non chegaba ao 10 por cento.

A mocidade é un dos sectores especialmente golpeados pola crise, que bateu nun colectivo a través de látegos como a emigración (desde 2009 emigraron na Galiza 132.000 persoas entre 16 e 29 anos), a precariedade e temporalidade ou o empobrecemento. Unha realidade que reflicte o Instituto galego de Estatística na súa Enquisa estrutural a fogares, que publicou a finais de 2015. Unha radiografía que deixa dados para a preocupación, como é que a taxa de risco de pobreza entre as e os mozos galegos se duplicase durante a crise. En 2008 estaba por baixo do 10%, no 9,4%; mais o 2014 despediuse deixándoa por riba do 19 por cento, no 19,2. Temos, pois, que dous de cada dez galegos que teñen entre 18 e 34 anos están en risco de pobreza.
O estudo do IGE aponta a que esa taxa é lixeiramente diferente entre os mozos que viven cos seus pais e aqueles que viven sós (20,8% e 19,2% respectivamente). A respeito destes últimos, os fogares compostos por persoas menores de 35 anos pasou de 99.000 en 2007 a menos de 70.000 en 2014, unha queda de 20.000 fogares 'mozos'. Máis unha pegada que reflicte o impacto da emigración.
Precariedade
Mais non só a alta taxa de emigración xuvenil é indicadora da crise que sofre a mocidade galega. Eis os dados sobre as persoas que teñen entre 18 e 34 anos e que, vivindo cos seus pais, teñen ingresos de menos de 200 euros mensuais: 30.186 persoas. Ou as 51.996 que teñen ingresos de menos de 600 euros. Gañando entre os 600 e os 1.000 euros son 42.000 os e as mozas que viven cos seus pais. Hai, segundo o IGE, 291.744 persoas mozas (entre 18 e 34 anos) que viven no fogar cos seus pais. Deles, 136.257 non teñen ningún ingreso (a comezos da crise eran 123.000, 13.000 menos).

Ningún comentario:

Publicar un comentario