Os contratos en prácticas e formación son un negocio redondo para as empresas. O estado, cos nosos impostos, subvenciona a empresas que contraten mocidade con esta modalidade para realizar traballo cualificado a cambio de salario cero ou de miseria.
1. CONTRATOS DE FORMACIÓN:
– O contrato de formación é para persoas que aínda non teñan ningunha titulación de formación profesional, mentres que o contrato de prácticas exixe que a persoa que se vai contratar teña unha titulación oficial e que non a obtivese hai máis de cinco anos.– Duración do contrato de formación: non inferior a seis meses nin, máximo de tres anos (dous anos e prorrogábel un máis).
– Tipo de xornada: a tempo completo, incluíndo o tempo supostamente dedicado á formación (mínimo dun 15% da xornada laboral). A maioría das veces as empresas omiten esta formación, argumentando á persoa contratada que a formación adquírese desenvolvendo o traballo.
– Coa reforma laboral do PP os contratos en formación pasan de só podérense aplicar a menores de 25 anos a a podérense facer até os 33 anos. A norma marca os 30 como límite para asinalos pero é prorrogábel pola empresa durante un ano “en función das necesidades da empresa e do proceso formativo”. Por iso, pódenche contratar a punto de cumprir os 30, durar até os 32 e aplicarche o ano de prórroga (chegando así até os 33 anos en contrato de formación).
– O salario non pode ser inferior ao salario mínimo interprofesional en proporción ao tempo de traballo. É aquí o engano: contrátanche por 4 horas, cobras unha miseria, pero traballas 8 ou 9 horas coa escusa de “mellor isto que nada”, e o despido é totalmente libre.
– Beneficio para as empresas: O estado español subvenciona as empresas por realizaren contratos de formación e aprendizaxe con 5 mil euros por contrato. En caso de mocidade anotada no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil a subvención á empresa sube dos 5 mil euros por contrato. Para as empresas con menos de 250 traballadoras/es faise unha rebaixa da cota á Seguridade Social do 100%. Para as empresas con máis de 250 traballadoras/es, rebaixa do 75%. Ollo: se o traballo é temporal ou se te despiden, pasas de cobrar unha miseria a cobrar cero, pero a empresa segue a ter a subvención enteira por cando che contratou.
2. CONTRATOS EN PRÁCTICAS:
– Non hai límite de idade para estes contratos e pódense facer dentro dos cinco anos seguintes ao remate dos estudos.– Salario: pode chegar ao 75% do salario fixado en convenio para unha persoa que desempeñe o mesmo posto.
– Beneficios fiscais para a empresa:
A empresa terá unha redución do 50% da cota á Seguridade Social polo contrato. Se ademais o contrato se asina con persoas beneficiarias do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil a empresa terá unha bonificación dos impostos á Seguridade Social dun 50% adicional. Se no momento en que se concerta o contrato en prácticas, a persoa traballadora estiver realizando prácticas non laborais, a bonificación das cotas será do75% (25% adicional nos casos de Sistema Nacional de Garantía Xuvenil).
3. AS BOLSAS DE EMPRESA POR MEDIO DE UNIVERSIDADES, FEUGA, FUAC…
– Son contratos que fan as empresas normalmente mediante acordos con universidades e entidades formativas.– Non son unha modalidade de contrato nin un emprego. Como non están reguladas e o goberno non actúa nin lexisla sobre esta modalidade, as empresas utilízanas para cubrir postos de traballo a custo cero. Teoricamente son un medio para que estudantes ou recién titulad@s adquiran experiencia laboral. Pero na maioría dos casos (maiormente naqueles en que as empresas ofrecen as bolsas unilateralmente, sen acordo con universidades ou entidades formativas) as bolsas son utilizadas para obter man de obra barata xa que, coa escusa de que «estás aprendendo», se cobras algo, é por debaixo do convenio e do salario mínimo interprofesional, mais traballas como calquera outra persoa da empresa (ou máis).
En canto á modalidade estilo FUAC ou Feuga, ou calquera bolsa que oferten máster diversos, as empresas soen empregar estas bolsas para facer substitucións de traballadoras/es (sobre todo en verán) cando nas bases destas bolsas está terminantemente prohibido empregar ao bolseiros como substitut@.
Trátanse por tanto de contratos para poder formarse no desempeño dun traballo profesional, pero non son para suplir ningún posto de traballo. Mais na práctica a maioría das empresas sérvense do estudantado para suplir baixas e vacacións.
Ollo!!! os empresarios non son ONG’s, se nos contratan por medio das universidade é porque sacan beneficios da nosa suor.
4 GALEUROPA: A XUNTA FOMENTA A CONTRATACIÓN NON REMUNERADA DE MOCIDADE.
A Xunta subvenciona dunha maneira mínima a manutención de mocidade para que traballen gratis para empresas doutros países da Unión Europea. O plan xuvenil Galeuropa é un falso programa de axudas coa finalidade da realización de prácticas formativas non remuneradas en entidades/empresas público ou privadas de países europeos.5 “PLAN DE GARANTÍA XUVENIL”.
O Estado dá cartos dos nosos impostos a empresas que contraten mocidade a prezo de saldo.A finais de 2013 o Parlamento Europeo aprobou o “Plan de Garantía Xuvenil” destinado a facilitar as condicións de contratación das empresas de países da Unión Europea con máis paro xuvenil, a costa de aumentar a explotación laboral.
Son contratos de formación nos que a mocidade cobra menos (un salario inferior ao 75-85% do convenio) e mentres traballa debe estudar. As empresas reciben subvencións do estado por contratar e incluso as Comunidades Autónomas poden dar axudas dun 50% do salario mínimo durante un ano ás empresas que contraten mocidade por máis de seis meses.
Este plan supón unha entrega de 2.358,7 millóns de euros recadados en impostos á xente para darllo ás empresas.
GALIZA NOVA ESIXE AS SEGUINTES MEDIDAS URXENTES:
–Fin dos contratos precarios. Os contratos en formación e aprendizaxe e de prácticas laborais para a mocidade deben estar remuneradas ao 100%–Eliminación dos beneficios fiscais a empresas que contraten mocidade temporal e en precario.
–Destinar fondos públicos da UE, Estado e Xunta para creación de emprego digno, estábel.
–Suba do salario mínimo a 1200 euros mensuais.
–Prohibición das Empresas de Traballo Temporal e dos contratos precarios.
–Derrogación das últimas reformas laborais do PPSOE.
–Derrogación do retraso de idade de xubilación, que ademais de ser inxusto coas persoas maiores, retrasa o acceso ao traballo da mocidade.
–Eliminación das horas extras e redución da xornadas laboral a 35hs semanais, para avanzar nas condicións de vida dignas e ampliar os postos de traballo.
-Posta en marcha pola Xunta de Galiza dun Plan Galego de Emprego Xuvenil dirixido á inserción laboral da xente nova e adaptábel á realidade de cada concello, ao tempo que se guíe o traballo cara a sectores estratéxicos de cada zona do País, e que incorpore:
1. Programa de inserción laboral para xente moza, que acompañado dunha titorización específica de cada persoa, esta reciba unha renda laboral durante o período de formación laboral, ao tempo que se guíe a forza de traballo aos sectores estratéxicos para o desenvolvemento da economía galega.
2. Promoción de novos espazos de actividade para a xeración de emprego potenciando sectores de actividade que prioritariamente creen emprego entre a mocidade.
3. Iniciativas para a recuperación de novas e novos investigadores/as que emigraron, para que poidan desenvolver o coñecemento e investigación nos secores estratéxicos galegos.
4. Programas de orientación, recualificación, formación e aprendizase para mocidade desempregada.
5. Potenciar o emprendemento a través de empresas de economía social.
-Impulsar a creación dunha rede municipal e/ou comarcal de empregabilidade para xente moza. Coordinación co Servizo Público de Emprego na xestión das ofertas de traballo, evitando que sexan as ETT’s as que xestionen a oferta laboral a modo de mercaderes de escravas.
– Potenciar a creación de bolsas destinadas a titulad@s superiores, para executar proxectos de especialización, exportación e innovación da economía local.
–Apoiar proxectos emprendedores de xente moza a través do acompañamento do desenvolvemento desde o inicio, creando espazos gratuítos de coworking para a mocidade, onde convivan diversas culturas profesionais coas que obter sinerxias.
– Crear un servizo de seguimento da mocidade desempregada, coa finalidade de garantir e procurar a súa introdución no emprego.
– Actuación dos concellos na liña de dar saídas laborais acaidas á realidade socioeconómica, garantindo o mantemento da poboación en espazos rurais.
-Axudar ao desenvolvemento de proxectos e iniciativas de mocidade para a creación e/ou mantemento de explotacións agro-gandeiras e de agricultura ecolóxica, e favorecer aqueles proxectos libres de transxénicos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario