Este mesmo luns a Deputación de Lugo inaugurou a exposición “Airiños, aires…Rosalía” do fotógrafo Xurxo Lobato, que vai ser visitable ata o 30 de marzo na Sala de Exposicións da Deputación. Destaca tamén a iniciativa da Deputación da Coruña, que a través da súa área de Cultura, pon este luns en libre circulación catro novas imaxes de Rosalía de Castro creadas para a ocasión por catro deseñadoras: Uqui Permui, Aurora Cascudo, Aldara Prado e Paula Mayor.
En Ourense, o mesmo día 24 de febreiro ás 18 horas, o Grupo RosalAuria comezará a celebración do Día de Rosalía no fondo da rúa Rosalía de Castro, onde comeza a pasarela do Miño pola beira do barrio da Ponte. O obxectivo é retomar a iniciativa de solicitar que a rúa dedicada á escritora teña a súa prolongación na pasarela que une as dúas partes da cidade. Trátase dunha pasarela moi transitada e coñecida pola cidadanía, que non ten nome e que desemboca precisamente na rúa que leva o nome de Rosalía que, pola contra, é case descoñecida en Ourense. O acto iniciarase no lugar acordado coa colocación dun cartel co nome da rúa, o recitado de poemas e reparto de poemas de Rosalía entre o público asistente. O acto continuará coa colocación doutro cartel no outro estremo da pasarela, con novo recitado e reparto, para finalizar na entrada do centro comercial Ponte Vella.
AGAL, pola súa banda, lanza o evento Rosalia é Mundial, no que se anima a elixir entre 18 video-poemas con textos de Rosalía lidos con diferentes sotaques. Pódense ver e escoitar no Portal Galego da Língua e votar simplemente dándolles un gústame en youtube.
Así mesmo, ao longo das últimas semanas en todos os centros de ensino do país viñeron desenvolvéndose actividades, como por exemplo o Mobiliza Rosalía organizado pola AELG. Trátase do envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do profesorado dos centros, a través das redes sociais, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso -do poema IV de Cantares gallegos- é Trocando en sonrisas / queixiñas e choros. De momento, 83 colexios e institutos de toda Galicia confirmaron a súa adhesión á iniciativa.
Outros actos no 24 de febreiro
- Lugo. 12.30: Lectura pública da obra de Rosalía organizada pola AELG. Centro Ocupacional Aspnais (Rampa de Claudio López)
- Compostela. 11.15: Alborada e ofrenda floral a Rosalía na estatua da Alameda en Compostela. Organizada pola Fundación Rosalía de Castro co Concello de Compostela e a Consellería de Cultura e Educación.
- Boiro. 20.30: Na Libraría Nobel (Rúa Poeta Manuel María, 10), a A. C. Barbantia organiza unha lectura pública e presentación do libro Historia do meu corpo en labaradas, de Rosa Enríquez.
- Ordes. 10.30: Na aula de formación situada na rúa Xoxardo, a Mancomunidade de Ordes ten prevista unha charla e mesa de traballo na que se afondará na importancia de Rosalía de Castro como promotora da igualdade de dereitos entre homes e mulleres.
- A Estrada. 20.00: No MOME (Museo do Moble e da Madeira), o Concello da Estrada celebrará o Día de Rosalía de Castro acompañado por mozas e mozos dos colexios e institutos do concello así como do grupo Cantar a Mares.
- Ames. 20.00: Na Casa da Cultura de Milladoiro, o Concello de Ames organiza un concerto coas actuacións de Xiana Lastra e Leo Arremecaghona
- Bueu. 20.00; Na sala Amalia Domínguez Búa levarase a cabo un recital poético aberto.
- O Rosal. 19.30: Acto da Concellaría de Cultura na Biblioteca Municipal
- A Coruña. 12.00: Na Biblioteca Provincial a Deputación organiza unha lectura colectiva pública e participa activamente a través das redes sociais coa etiqueta #mobilizaRosalía
27 de febreiro
- Ribadeo. 20.30: No Cine-teatro do Concello de Ribadeo, peza teatral Daquelas que cantan a cargo do grupo de Teatro da A.C. Vagalume e posterior Concerto de Puntada sen fío.
- Ponteareas. 18.00: O Concello de Ponteareas renderá unha homenaxe institucional a Rosalía de Castro a través da ofrenda floral que se depositará baixo a placa da rúa que leva o seu nome. Ás 19:00 horas, o Auditorio Reveriano Soutullo acollerá a actividade “Rosalía Total”, coa participación de grupos infantís e xuvenís cantando a Rosalía con distintos ritmos musicais
- Ames. O departamento de Normalización Lingüística organiza a excursión “Ruta Rosaliana. Visita á Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón”, con motivo da celebración do día do nacemento da escritora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario