A
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica
Galega poñen en marcha unha iniciativa para dar a coñecer efemérides e
actividades relacionadas coas Irmandades da Fala.
Foron moitas as actividades levadas a cabo desde o 18 de maio do ano 1916 en que Antón Vilar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña. Nesa xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galiza.
Agora, no ano centenario daquela xuntanza, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega poñen en marcha unha iniciativa para dar a coñecer efemérides e actividades relacionadas directa ou indirectamente coas Irmandades da Fala.
Se queremos saber que aconteceu en calquera día do ano o Almanaque das Irmandades daranos, mínimo, unha opción. Segundo aclaran os promotores, “o Almanaque recolle anécdotas, feitos e persoas. Non pretendemos explicar as entradas pois ese papel corresponde á historia. Por iso aquí recollemos breves biografías e acontecementos tanto dos protagonistas das Irmandades como dos precursores ou de aqueles que seguiron o camiño por eles encetado”
O obra, feita pública onte, vai na liña dos almanaques tradicionais cos que Galiza conta desde hai dous séculos, “mais nunca houbo un Almanaque das Irmandades, das Irmandades da Fala. Agora xa o hai” .
O obra ten polo de agora entradas para os meses de xaneiro e febreiro. Nos próximos días completarase con entradas até 18 de maio e máis tarde para todo o ano 2016. Tamén se incorporarán as actividades levadas a cabo durante o ano do centenario das Irmandades A web tamén conta cun formulario desde o que se poden enviar datos, fotos, etc. referidos ás efemérides comentadas na certeza de que tanta actividade como desenvolveu a xente das Irmandades ten que ter aínda pegadas descoñecidas por toda Galiza.
Dar a coñecer esas pegadas é tamén un obxectivo deste Almanaque, unha ferramenta sinxela desde a que os promotores nos convidan a “almanaquear”, a pasear da man das persoas que precederon, constituíron e proseguiron un movemento do que agora celebramos cen anos. As dúas entidades están a traballar noutras iniciativas en torno a este centenario que farán públicas en próximos días.
Ningún comentario:
Publicar un comentario