O presidente
do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia
(CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, e o Delegado do Goberno en
Galicia, Santiago Villanueva, mantiveron unha reunión de traballo o
pasado día 2 co obxectivo de intercambiar puntos de vista sobre
metodoloxías a seguir para acadarmos unha Sociedade da Información
máis segura e igualitaria, sentando os alicerces para colaborar e
sumar esforzos. O encontro celebrouse na se da Delegación do Goberno
na Coruña e no punto de mira do mesmo estiveron cuestións sobre a
violencia exercida a diversos colectivos en risco, expoñéndose
posíbeis vías de colaboración para atallala, tanto ao abeiro das
redes como no ámbito off-line.
Segundo nos lembran fontes do CPEIG, tanto este
colexio como a propia Delegación do Goberno teñen unha ampla
experiencia no ámbito da loita a prol dunha sociedade máis xusta e
menos discriminatoria, amais de contar cunha ampla presenza nos
centros educativos da nosa terra e noutros eidos a través do Plan
Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade, coa organización
de charlas de concienciación e divulgación contra a ciberviolencia
ou acoso. Por exemplo a través do programa Navega
con Rumbo, dirixido a facilitar ás novas xeracións os mellores
xeitos de movérense na Rede.
Segundo engadiron, a previsión é que nas vindeiras
semanas se materialice a colaboración entre o CPEIG e a Delegación
do Goberno en iniciativas concretas para desenvolver a medio prazo.
Con esta xuntanza de traballo, o CPEIG inicia a rolda de contactos do
presente ano 2016, dirixida, por unha banda, ao fomento do
coñecemento do ente colexial entre as máis altas autoridades e
institucións de Galicia e, por outra, a concretar acordos a prol das
colexiadas e colexiados, e da sociedade galega en xeral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario