Finalmente celebrouse
esta 5 de febreiro a entrega de premios da segunda edición do
concurso Inventa en galego, impulsado por IGACIENCIA
(Institución Galega da Ciencia) e coa colaboración da Secretaría
Xeral de Política Lingüística. O acto desenvolveuse na Coruña e
ao seu abeiro entregáronse tamén os galardóns Sensores para
todos, dirixidos a facer coñecemento e utilidades arredor dos
sensores da plataforma de hardware Arduino ou os brinquedos Lego.
Como lembraremos,
Inventa en galego é unha proposta que IGACIENCIA lles fai aos
centros educativos para que elaboren unha aplicación en Android na
linguaxe de programación App Inventor. Esta ferramenta deberá
reflectir os lugares interesantes e turísticos da zona na que os
alumnos destes centros residan.
No acto, desenvolvido
no Centro Ágora, estivo presente o secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García, e máis Inés Ben e Manuel Díaz,
responsábeis de IGACIENCIA. Tamén participou no evento a
concelleira de Ensino, Cultura e Desenvolvemento Económico de Brión,
Yolanda Bouzas.
Nesta segunda edición
do certame, na categoría Inventa en galego, o primeiro premio
correspondeulle ao IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña pola súa
aplicación Galician. Trátase, tal e como describiron os seus
deseñadores, de 1º de bacharelato, “dunha aplicación para dar a
coñecer Galicia, cos seus hoteis, restaurantes, as zonas máis
destacadas… unha app que ten que ver co turismo e a hostalaría
dentro da nosa comunidade’.
A segunda posición foi
para o IES de Ames grazas á súa aplicación ComposTour. A
súa utilidade, en palabras do equipo de 2º de bacharelato que lle
deu forma, é “dar a coñecer polo miúdo o marco histórico e
cultural da capital galega.
Canto ao concurso
Sensores para todos, resultou premiada a proposta de alumnos de 1º
de bacharelato do IES de Brión, consistente nun sensor localizador
de zonas escuras. Segundo comentou o equipo que a ideou, “o noso
experimento naceu da idea de crearmos un sensor independente, grazas
ao cal un robot poida localizar as áreas máis escuras dunha
contorna e, por exemplo, alumealas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario