xoves, 11 de febreiro de 2016

“Unha única universidade pode ser máis eficaz”

Agir, Comités Abertos e Liga Estudantil Galega vanse disolver para crear xuntos unha nova organización de estudantes. Nesta entrevista, representantes das tres organizacións explican as reivindicacións do novo colectivo, entre as que está unha universidade única. As comparacións coas confluencias entre partidos nacionalistas e o impacto dos recortes son outros dos temas desta conversa.

Que motivos os levaron a dar o paso adiante nalgo tan difícil na esquerda galega como facer confluír organizacións?
Son varios os motivos, mais o fundamental foi a coincidencia na nosa finalidade; a defensa do estudantado galego e do noso ensino desde unha perspectiva nacionalista e independentista. Esta confluencia non fai máis que materializar anos de unidade de acción nas distintas reivindicacións que levamos a cabo durante este tempo a través de folgas e outras actuacións. Así mesmo, isto é resultado da nosa aposta pola necesidade de autoorganización do pobo galego en todos os sectores, neste caso o movemento estudantil. Desta maneira, chegamos á conclusión de que non se sostiña a existencia de tres organizacións moi semellantes, con máis aspectos en común que diferenzas.
  
Implica a constitución dunha nova organización a disolución das organizacións que a conformarán? É dicir, haberá militancia individual ou será a través de partido?
Implica unha organización completamente nova. As tres organizacións estudantís galegas existentes até o día de hoxe disolveranse o 6 de marzo, data na que celebraremos a Asemblea Nacional Constituínte onde a participación será a título individual. Da mesma maneira, estamos a construír unha organización democrática e asemblearia na que todas as integrantes terán os mesmos dereitos e a mesma capacidade de decisión. A militancia, polo tanto, será individual.

Cantos mozos estiman que poden participar neste proceso?
Aspiramos a chegar á maior parte do estudantado galego que, numericamente, representa ben máis do que as tres organizacións abranguen a día de hoxe. Cómpre sinalar que este proxecto, presentado en setembro, tivo moi boa acollida en todo o país conseguindo achegar a moitas estudantes coas mesmas sensibilidades que participarán o 6 de marzo. O noso obxectivo é acrecentar a participación deste proxecto após a Asemblea Nacional Constituínte, marcando esta a data de nacemento deste proxecto e continuando o camiño que o nacionalismo e independentismo tivo de maneira continuada na loita estudantil de Galiza.

Que porcentaxe aproximado deles son mulleres?
Sobre a porcentaxe de mulleres que farán parte a organización non manexamos aínda os datos das persoas que pasarán a conformar a nova organización. Se ben é certo que aínda hoxe, por desgraza, os homes participan máis que as mulleres nos espazos políticos, aspiramos a crear unha organización na que a paridade sexa fundamental e así animar a todas aquelas compañeiras que aínda non deron o paso a organizárense. O feminismo é un dos piares básicos que sustentará este novo proxecto.

A súa aposta pola confluencia vai desatar comparacións coa desunión do nacionalismo no eido partidario e electoral. Que cre do seu proceso pode sacarse algunha lección a aplicar neses outros eidos?
É algo completamente diferente aínda que si se poden tirar semellanzas. No éxito da nosa unión é fundamental a coincidencia plena no fin: un ensino galego, público, de calidade, democrático e non heteropatriarcal. Estes fins comúns fan que calquera outra diferenza sexa algo debatíbel, mais nunca tan diferencial como para non seguir apostando polo mesmo proxecto. No momento político actual o problema é fundamentalmente a diferenza no fin, polo que mentres este non coincida é complexa unha unión, que nada ten que ver con pactos postelectorais.

Nas súas propostas falan da necesidade de constituír unha "única" universidade galega. En que prexudica aos estudantes que haxa tres institucións? Non favorece a que cada cidade pode ter campus propios?
Reclámase unha Universidade Única Galega para unha mellor repartición de estruturas e organización. Preténdese que haxa campus especializados, con mellores instalación, que en moitos casos está duplicadas no país sen estrutura para elo. Isto non se debe confundir coa intención de suprimir campus ou centralizar o proxecto, se non na implantación da Universidade por todo o País, cunhas mellores instalacións e sen competencia financeira entres as tres Universidades galegas actuais. Consideramos que a Universidade única pode xestionar con moita máis eficacia os orzamentos e dar  unha maior oferta de estudos.

Moito se fala da necesidade de incorporar máis a realidade empresarial ás aulas universitarias. Cal é o seu punto de vista ao respecto?
Iso é unha loita que temos que dar radicalmente, a introdución das empresas na Universidade leva á súa privatización, creando unha universidade controlada por multinacionais que derivan o ensino na creación de instrumentos para o seu beneficio privado, controlando completamente o mercado laboral altamente cualificado. Isto compleméntase co mundo capitalista e neoliberal no que vivimos co único obxectivo de enriquecer as empresas privadas. Se as empresas controlasen a Universidade esta sería o seu campo de probas e selección de persoal, onde o modelo educativo sería completamente especializador e guiado cara o que necesitan esas empresas no momento. A Universidade debe ser 100% pública, ao servizo do pobo e da súa cultura.

Unha competencia básica da política educativa son as bolsas, que sufriron importantes recortes na lexislatura que agora se esgota. Pasados xa uns anos, que valoración fan do novo modelo de bolsas para os universitarios?
Estamos nun momento no que moitas estudantes teñen que deixar de selo por motivos económicos, iso indica que non estamos nun modelo que garante a educación universal. Temos que loitar por un modelo verdadeiramente público que axude a que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades de estudar, independentemente da súa condición económica e social. Os recortes continuos en educación non son máis que o intento deste último e de outros gobernos de formar unha sociedade sen estudos mais fácil de dominar.

Debería ser a competencia para a regulación das bolsas transferida ás autonomías?
Como País temos dereito a ter competencia sobre calquera aspecto de noso. É inadmisíbel que organicen e regulen as nosas bolsas en Madrid sen contar coa realidade galega. Toda competencia en calquera nivel de educación debería estar en mans das galegas e dos galegos.
 
Que valoración fan das bolsas complementarias instauradas pola Xunta?
As bolsas complementarias da Xunta só intentan camuflar os brutais recortes que nos impoñen desde Madrid, mais a efectos prácticos non solucionan o problema.

Como son as relacións coas outras organizacións estudantís non nacionalistas?
A día de hoxe aínda non tivemos tempo a relacionarnos con outros axentes estudantís desde a nova organización, pois aínda non se aprobaron os textos sobre os que rexernos. Cremos que as relacións serán as mesmas que viñeron mantendo as tres organizacións galegas durante estes anos, a de coincidir en certos espazos nos centros e lanzar certas convocatorias de xeito unitario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario