Desde a CIG-Ensino seguiremos insistindo en que o 24 de febreiro se inclúa como unha conmemoración centrada no recoñecemento e difusión da autora.
Un ano máis, a CIG-Ensino anima o
profesorado a festexar o Día de Rosalía. Para a CIG-Ensino o Día de
Rosalía é unha data de imprescindíbel celebración, pois sen Rosalía
Castro talvez non teriamos hoxe a conciencia colectiva de termos un
idioma propio e os azos de seguir reclamando para el o lugar que lle
corresponde. Ela non foi a única que ergueu a bandeira da defensa do
idioma, mais foi a primeira en dar o paso definitivo empregando e
defendendo o noso idioma co seu "Cantares gallegos".
Por este motivo, vimos apoiando tamén a iniciativa da Asociación de Escritoras e escritores en Lingua Galega, AELG, que propón celebrar a data agasallando un libro en galego e unha flor, que envía propostas para pór en práctica co alumnado e que realiza lecturas públicas en diferentes vilas e cidades, propostas todas ás que vos convidamos a que vos sumedes.
Desde a CIG-Ensino seguiremos insistindo en que o 24 de febreiro se inclúa como unha conmemoración centrada no recoñecemento e difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e a nosa literatura. Os desprezos manifestos da Consellaría non nos farán calar e seguiremos a sinalar os seus prexuízos e o seu autoodio.
Ao mesmo tempo queremos darvos os parabéns aos centros e bibliotecas escolares que con tanto traballo, imaxinación e ánimo estades a celebrar xa esta data fulcral da nosa cultura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario