Este venres presentouse
en Compostela a nova edición dun certame dirixido a fomentar entre
as novas xeracións un dos mellores usos posíbeis que lles poden
extraer ás novas tecnoloxías: empregalas para compartiren emocións
e sentimentos de afecto e, tamén e por suposto, de amor. Trátase do
concurso Lingua de Namorar, unha actividade que nos lembra
(por se alguén o esquecera, entre tanto bullying, sexting,
phishing e demais) que as redes tamén contan como comunicadoras
do mellor das virtudes persoais de cada internauta, e que ten o
engadido extra (un engadido a ter moi en conta) de apostar de cheo
polo galego, unha lingua, segundo os impulsores da iniciativa, “moi
acaida dende sempre para o amor”. O certame vén unha vez máis da
man da Dirección Xeral de Xuventude e a Secretaría Xeral de
Política Lingüística. Participaron
na presentación Cecilia Vázquez e Valentín García, responsábeis
de ámbolos departamentos, respectivamente.
Lingua de Namorar
é, nas súas palabras, “un concurso de mensaxes de amor dirixido á
xuventude e que ten como obxectivo principal dinamizar o uso do
galego nas relacións persoais e nas comunicacións que se producen
entre as mozas e os mozos nos diferentes sistemas de mensaxería
instantánea”. Segundo apuntou na presentación Cecilia Vázquez,
“programas coma este cuxa nova edición damos a coñecer, fomentan
entre a mocidade o uso do idioma galego como lingua útil, axeitada e
normal para todos os momentos da vida”. Asemade, tivo palabras
para salientar o enorme talento e potencial creativo da nosa
xuventude, un talento e un potencial que precisan, en ocasións, de
ferramentas e impulsos que os fagan abrollar. “O galego foi, é e
sempre será unha lingua para namorar”, engadiu.
Pola súa banda, Valentín
García explicou que os obxectivos do programa son ir alén do
lingüístico e do xuvenil: “Trátase de algo que toca de cheo os
nosos afectos”, subliñou. Segundo fixo saber, en parte o que se
busca con esta iniciativa é recuperar a nosa rica tradición de
lírica amorosa medieval (cuxo alicerce temático fundamental non
era outra cousa que o amor) e combinar este espírito coa necesidade
de reivindicar o galego ao abeiro das novas tecnoloxías da
comunicación e, tamén, co alento dunha celebración que na súa
mellor expresión está estreitamente vencellada ao devandito: a do
14 de febreiro. Valentín García explicou que “esta convocatoria
diríxese a potenciar o uso do galego nun ámbito, o das TIC, que é
prioritario polo seu carácter innovador e de futuro para a difusión
da lingua e nunhas franxas de idade nas que se fai moi necesaria a
intervención con programas de dinamización”. E engadiu: “Este
proxecto anima á mocidade a empregar o idioma de seu nas súas
relacións interpersoais, tamén cando se desenvolven a través de
dispositivos electrónicos”.
O certame está dirixido
a mozas e mozos de 14 a 35 anos. Hai dúas categorías: de 14 a 19 e
de 20 a 35. As mensaxes participantes deberán estar escritas en
galego. Poderanse redactar en prosa e en verso, e a extensión máxima
será de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco. Cada
participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes. A data
límite para o envío é o 28 de febreiro. Logo deste prazo abrirase
outro para realizar as votacións, que abranguerá do 29 de febreiro
até o 4 de marzo.
Polo que respecta aos
galardóns, sinalou o secretario de Política Lingüística, buscouse
que fosen a acordes co espírito e coa temática do certame:
tecnoloxías ao servizo da literatura e da creación artística.
Haberá tres premios por cada unha das categorías. Na modalidade A
(de 14 a 19 anos) o primeiro galardón é un dispositivo intelixente
ZTE de 16 GB, o segundo un dron Airis con cámara de vídeo VGA e o
terceiro unha torre son Bluetooth. Na categoría B (de 20 a 35 anos)
o primeiro premio consistirá nunha cámara réflex Canon EOS 1200D
de 10 MPX, o segundo un reloxo intelixente SPC Gold e o terceiro un
disco duro externo Toshiba de 1TB de capacidade.
Para rematar a
presentación, Valentín García lembrou que con cada ano que pasa, a
actividade Lingua de Namorar gaña en seareiras e seareiros ao
mesmo que o maxín posto en xogo suma tamén en valentía e
creatividade.
Por certo que para poder enviar as mensaxes ao certame, cómpre rexistrarse previamente na web do concurso e cubrir o formulario de inscrición.
Todas serán publicadas nesta páxina e estarán identificadas polo título
e mais polo número que se lles asigne. A data límite para enviar as
mensaxes de amor é o 28 de febreiro. Unha vez rematado este prazo,
abrirase outro para realizar as votacións, que abranguerá do 29 de
febreiro ao 4 de marzo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario