Cultura incrementa nun 25% as bolsas para a investigación no centro Ramón Piñeiro co obxectivo de fomentar o coñecemento lingüístico e literario da nosa lingua.
O 'Corpus Documentale Latinum Gallaeciae' (Codolga), o Etiquetador/lematizador do galego actual, o proxecto de Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala ou o Termigal (terminoloxía científico técnica) a base de datos do Atlas lingüístico románico, son algúns dos principais proxectos de investigación nos que traballa o centro Ramón Piñeiro de estudo do galego.Pero esta institución tamén afondará no bienio 2016-2017 a Bibliografía informatizada da lingua galega (Bilega), o Corpus de referencia do galego actual (CORGa), o Dicionario galego-italiano/italiano-galego, o Arquivo Galicia Medieval (Argamed), o proxecto lírica galego-portuguesa, o de prosa literaria, o de Cantigas de Santa María, o de dicionarios de literatura, o de bibliografía da literatura galega, o Informe anual de literatura galega ou o proxecto Dimens.
Unhas investigacións para as que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará máis de 287.000 euros, o que supón, segundo a Xunta, incrementar nun 25% a dotación económica total destinada a estes acordos respecto da contía total que se destinou a eles no trienio 2013-2015. O Consello da Xunta deu o pasado xoves o visto e prace a sinatura de convenios coas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, ao abeiro dos cales se desenvolverá este programa de actividades.
O seu obxectivo é afondar no estudo filolóxico e na conservación das fontes lingüísticas, literarias e antropolóxicas co obxectivo de dotar o noso sistema lingüístico "das ferramentas necesarias para a súa aplicación por parte de entidades de distinta natureza". Tamén en "seguir afondando no seu prestixio e dotación de fondos que contribúan ao seu amplo coñecemento".
A Xunta di que decidiu incrementar este orzamento para "consolidar á lingua galega no mundo das tecnoloxías da información e o coñecemento, e no do procesamento da linguaxe natural". "O obxectivo é dar un salto cualitativo que situará a nosa lingua na vangarda da lingüística computacional", engade a Consellería de Cultura. Os convenios entrarán en vigor o mesmo día da súa sinatura e terán vixencia durante os anos 2016 e 2017.
Ningún comentario:
Publicar un comentario